Pedimos ao goberno local que informe á veciñanza sobre o peche do Pasatempo
“Pedimos ao goberno que valore outras opcións sen impacto no medio xa que existen diferentes alternativas con menor impacto ambiental e mesmo ecolóxicas ademais con un custo similar para as arcas públicas”
“Pedimos ao goberno que valore outras opcións sen impacto no medio xa que existen diferentes alternativas con menor impacto ambiental e mesmo ecolóxicas ademais con un custo similar para as arcas públicas”
Betanzos, 15 de abril de 2017. O BNG pediu ao goberno local seriedade e transparencia no que respecta ás súas decisións sobre o parque do Pasatempo. “O goberno local tomou a decisión de o pasado martes de pechar o parque por unha praga de cydalima perspectlis, coñecida tamén como polilla asiática segundo os carteis que colgaron nas entradas para realizar un tratamento fitosanitario. Dende o BNG non entendemos a urxencia nin a necesidade de pechar o parque en plena Semana Santa cando ademais a veciñanza estaba convocada pola Plataforma en defensa do parque a unha xornada voluntaria de traballo para retirar maleza dunha parte do parque”, explicou o portavoz do BNG, Henrique del Río, “segundo parece o goberno local tomou a decisión onte de retirar os cartaces e permitir a entrada”.
Os nacionalistas reclamaron ao goberno local que explique as causas destas decisións. “O goberno local ten que escoitar á veciñanza. Pedímoslle unha vez máis que estea a altura dos veciños e veciñas que están traballando voluntariamente e recollendo sinaturas para a recuperación do Parque”, engadiu del Río, “estas decisións que dan a impresión de improvisación e mesmo de querer evitar as accións veciñais e, polo tanto, non axudan a chegar a acordos que permitan a recuperación do Pasatempo”.
“A veciñanza de Betanzos e os visitantes temos dereito a saber en base a que se decide pechar o parque do Pasatempo o día 12 para un tratamento fitosanitario que segundo o propio goberno non se vai realizar até o vindeiro luns día 17 e tamén que lles levou a tomar a decisión de reabrilo”, indicou o portavoz nacionalista, “non nos parece de recibo que se tomen decisións sen pensar e sen falar cos veciños e veciñas. O goberno ten que escoitar á xente e deixar de actuar en base a ocorrencias”.
O BNG reclamou un tratamento ecolóxico para combater a praga
“O produto elixido é a deltametrina, un insecticida de amplo espectro que pode ser nocivo se entra en contacto coa auga e que afectaría a outro tipo de insectos non só á polilla asiática ou papabuxos que se pretende combater”, explicou o portavoz nacionalista. “Pedimos ao goberno que valore outras opcións sen impacto no medio xa que existen diferentes alternativas con menor impacto ambiental e mesmo ecolóxicas ademais con un custo similar para as arcas públicas”, concluíu Del Río.