O BNG creará un centro de interpretación no Pasatempo para explicar o legado dos García Naveira
Roteiros culturais sobre os aspectos menos coñecidos do parque, un centro de interpretación e melloras na parte nova do Pasatempo, algunhas das propostas nacionalistas.
Roteiros culturais sobre os aspectos menos coñecidos do parque, un centro de interpretación e melloras na parte nova do Pasatempo, algunhas das propostas nacionalistas.
Betanzos, 14 de maio de 2011. O BNG sinalizará roteiros culturais dentro do parque do Pasatempo. Esta actuación emárcase dentro das propostas dos nacionalistas para poñer en valor o xardín histórico creado por Juan García Naveira hai máis dun século.
O deseño de roteiros explicativos sobre a simboloxía oculta que hai na parte histórica do Pasatempo, o que supuxo a construcción do parque a nivel de creación de emprego e aprendizaxe de oficios e mais o legado dos García Naveira completarase cun centro de interpretación do parque.
Henrique del Río : “A rehabilitación da parte histórica do Pasatempo e a posta en valor dos seus elementos patrimoniais é parte do noso proxecto turístico”. O BNG entende que o modelo turístico de Betanzos debe “combinar o turismo cultural co medioambiental” e nese sentido “o Pasatempo é unha boa síntese”.
O BNG tamén quere acometer a plantación de frondosas autóctonas, o repoboamento dos estanques e a instalación de equipamentos deportivos na parte baixa do parque.
Os nacionalistas lamentaron “a oportunidade perdida” para poñer en valor o conxunto do Pasatempo e cuestionan “os investimentos que ninguén entende” que fixo o goberno de María Faraldo no parque.
“Faraldo tivo catro anos para preocuparse polo Casco e non o fixo”
Henrique del Río explicou que “non me parece apropiado que Faraldo utilice os medios e as instalacións do Concello para presentar propostas electorais”. Os nacionalistas consideran que “Faraldo tivo catro anos para preocuparse polo Casco Histórico e non o fixo e agora utilízao como promesas electorais”.