Del Río: “Ter neste estado de abandono o Pasatempo despois de investir dous millóns de euros é unha indecencia”
A visita guiada por Xesús Torres revela o evidente estado de abandono do xardín enciclopédico.
A visita guiada por Xesús Torres revela o evidente estado de abandono do xardín enciclopédico.
Betanzos, 12 de novembro de 2011. A organización xuvenil do BNG , Galiza Nova, organizou esta tarde unha visita guiada ao Pasatempo. Conduciu a visita o historiador Xesús Torres. O percorrido seguido serviu para revelar o evidente estado de abandono do xardín enciclopédico. A vexetación abandonada como puxo de destaque Torres impide contemplar incluso elementos singulares do propio parque.
O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, referiuse ao estado actual de abandono que presenta o parque, recordando que na última decada se investiron nel practicamente dous millóns de euros. “Ter neste estado de abandono o parque despois de investir esta cantidade é unha indecencia”, afirmou.
“O BNG defende a conservación e posta en valor do Pasatempo como un motor económico para a creación de emprego” apuntou Del Río, que lamentou “que o executivo actual do PSOE supedite a conservación do Pasatempo á ordenación urbanística do Carregal”.
Os nacionalistas atopan un paralelismo na postura do PP co Pasatempo e co Casco Histórico. “Nos dous casos o PP esqueceunos durante catro anos e agora saca da manga plans e declaracións efectistas que non teñen un traslado real na recuperación dos dous referentes monumentais de Betanzos”.