Propoñemos facer un centro de interpretación no Pasatempo con cargo ao plan de obras da Deputación
As nacionalistas avogan por construír pequenas depuradoras ecolóxicas a base de brañas artificiais nas aldeas sen saneamento. Melloras na escola infantil municipal e os locais de ensaio de Bellavista son outras das propostas.
As nacionalistas avogan por construír pequenas depuradoras ecolóxicas a base de brañas artificiais nas aldeas sen saneamento. Melloras na escola infantil municipal e os locais de ensaio de Bellavista son outras das propostas.
Betanzos, 4 de novembro de 2016. O BNG presentou esta mañá as súas propostas de investimento para os distintos plans de obras que a Deputación financiará en Betanzos. As actuacións propostas polas nacionalistas inclúen a mellora de servizos que actualmente empresta o Concello e unha aposta pola posta en valor do patrimonio como oportunidade de desenvolvemento para a cidade.
Neste sentido, o BNG propón mellorar os locais de ensaio de Bellavista, amañando as deficiencias actuais en canto a impermeabilización, insonorización e seguridade. Complementariamente, proponse a adquisición de equipamento audiovisual portátil para o Cine Alfonsetti, que sirva para organizar eventos noutras dependencias municipais que tampouco contan con estes medios. “Con este lote estamos facilitando alternativas de lecer e levar as actividades culturais a todos os barrios e parroquias”, explica Henrique del Río, voceiro do BNG.
Outra das propostas do BNG é destinar parte destes plans de obras a ampliar a rede de saneamento. As nacionalistas avogan por construír pequenas depuradoras ecolóxicas a base de brañas artificiais. “Ten menos custo de obra e mantemento que unha depuradora convencional, non precisa consumo eléctrico nin grandes canalizacións ou bombeos, polo que sae moito máis barato para sanear os núcleos rurais que non teñen sumidoiros”, explica o portavoz municipal do BNG.
As nacionalistas propoñen, ademais, redeseñar o patio traseiro da escola infantil municipal de San Francisco, suprimindo a piscina de area, renovando os aseos e transformando a zona nun patio cuberto onde, ademais, se poidan deixar os carriños no que as crianzas están no centro. “É unha proposta que xa fixemos o pasado ano, recollida das propias docentes e nais do alumnado, que esperamos que este ano sexa tida en conta para mellorar un servizo que se usa a diario”, explica o edil do BNG.
Investimento no Casco Histórico
No Casco Histórico o BNG propón continuar renovando servizos e pavimentacións, para revalorizar a zona monumental. Así, propoñen intervir no primeiro tramo da rúa Nova e nas venelas dos Clérigos. Ademais, a imaxe doutras cidades europeas, as nacionalistas propoñen a adquisición de lonas decoradas para cubrir os solares en ruínas do Casco Histórico. “Trátase de ofrecer os mesmos servizos que na zona nova e de facer atractivo centro histórico, como atracción turística e para captar investimento”, explican.
Posta en valor do patrimonio: centro de interpretación do Pasatempo
O BNG propón dúas actuacións para poñer en valor o patrimonio que Betanzos ten fóra do Casco Histórico. Unha delas, a posta en valor e rehabilitación da fonte dos Cabalos e acceso ao recinto da Feira Nova desde o Campo. A fonte, fronte a Correos, está moi deteriorada e oculta entre colectores do lixo e vehículos mal estacionados. “É unha actuación modesta que recuperaría unha fonte centenaria e daría valor a esta zona”, explica Del Río.
Ademais, o BNG propón reacondicionar o baixo da grada do auditorio do Pasatempo como un centro de interpretación do parque enciclopédico. “Non hai nada que explique aos visitantes como e por que aparece o Pasatempo e no proxecto de 1,3 millóns presentado polo goberno local tampouco está prevista a posta en valor e divulgación do recinto, só a reconstrución do que queda”, explica Del Río. “Cremos importante dar no propio recinto unha imaxe do que foi, de cómo se construíu, de por que se perdeu e de cómo se recuperou o que aínda queda”, relata. Neste sentido, as nacionalistas demandan ao executivo local que faga público o proxecto para o Pasatempo que presentou en setembro.