O BNG levou a pleno a falta de coidado do Pasatempo
Del Río: “PP e PSOE rivalizan nos últimos anos en quen trata peor o Pasatempo”.
Del Río: “PP e PSOE rivalizan nos últimos anos en quen trata peor o Pasatempo”.
Betanzos, 19 de decembro de 2011. O BNG levou ao último pleno a falta de mantemento do parque do Pasatempo. O edil nacionalista Xosé Vales recriminou ao goberno do PSOE que “os restos das podas, aparentemente de varios anos, se acumulan na parte histórica do recinto”. O concelleiro do BNG interpelou ao executivo do PSOE sobre se “consideran que este tratamento é o máis axeitado para os residuos depositados nun etorno turístico e que se debate declarar BIC?”
Para o BNG, esta é a proba evidente de que o parque do Pasatempo, como acontecera co goberno local do PP, non está recibindo a atención que merece por parte do executivo do PSOE. Por exemplo, indican, a falta de atención ás árbores do xardín fan que impidan a contemplación dos murais da parte histórica do recinto, como recentemente puxo de manifesto unha visita guiada organizada por Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG.
“O PP esqueceu durante os catro anos que gobernou a conservación e coidado da parte histórca do Pasatempo e sacou agora da manga unha declaracións efectistas para encubrir canto non fixo polo parque” resumiu o voceiro do BNG, Henrique del Río, para quen “PP e PSOE rivalizan nos últimos anos en quen trata peor o Pasatempo”.
“Ter no estado actual de abandono o Pasatempo despois de investir nel arredor de dous millóns de euros na última década é unha indecencia”, asegura o portavoz municipal do BNG. Neste sentido, desde o BNG lamentan que as obras promovidas no anterior mandato polo PP non redundasen en ningún tipo de mellora para o xardín.
“O BNG defende a conservación e posta en valor do Pasatempo como un motor económico para a creación de emprego” recordou del Río. No seu programa de goberno o BNG prevía crear un centro de interpretación do parque e roteiros polo seu interior para divulgar a riqueza botánica e histórica do conxunto. “En lugar de financiar obras sen sentido, PP e PSOE tiñan que ter aproveitado os fondos públicos para potenciar o valor cultural e turístico do Pasatempo”, censura.