O BNG solicita a rehabilitación da muralla no Valdoncel
“Hai meses, soubemos que se denegaba un permiso de obra para traballar nas proximidades da muralla por ser prexudicial para ela e que se denegaba unha licenza para a estabilización da parede tras os danos ocasionados por unha actuación sen licenza en 2022”
Betanzos, 7 de maio de 2025. O BNG volveu advertir no Pleno do deterioro que presenta a muralla medieval da cidade no Valdoncel. A concelleira nacionalista Vanesa Rey recordou que “son varias as ocasións en que desde o BNG temos insistido no preocupante estado da a muralla medieval”.
Así, lembrou que, en resposta a outra iniciativa sobre o tema, “hai meses, soubemos que se denegaba un permiso de obra para traballar nas proximidades da muralla por ser prexudicial para ela e que se denegaba unha licenza para a estabilización da parede tras os danos ocasionados por unha actuación sen licenza en 2022”.
“Xa en 2022 no BNG reclamámoslle ao goberno local que adoptase medidas urxentes para garantir a conservación da muralla da cidade, e que esixise a reconstrución do tramo derrubado, mais nada se fixo” denuncian desde o BNG.
As nacionalistas exixen ao goberno local socialista que aclare “que medidas prevé o equipo de goberno para a protección desta parte da muralla medieval e como e cando ten pensado executalas”, ao tempo que urxen a “rehabilitar e poñer en valor este elemento singular da nosa cidade”