O BNG alerta dos recortes no centro de saúde durante o verán
As nacionalistas esíxenlle á Consellaría de Sanidade que contrate persoal de pediatría de reforzo durante o verán para garantir a realización dos controis de saúde
Nas semanas pasadas, as usuarias xa tiveron que sufrir a ausencia da traballadora social, ao non se cubrir a baixa laboral da profesional do centro de especialidades
Betanzos, 2 de xullo de 2026. O BNG de Betanzos fíxose eco do malestar das usuarias do centro de especialidades de Betanzos logo de se anunciar que non está garantida a realización dos controis de saúde ás crianzas maiores de 15 meses.
Segundo a súa voceira, Amelia Sánchez, “nos últimos días apareceu un cartel no servizo de Pediatría en que se anuncia que non se vai dar cobertura total ás ausencias do persoal durante o verán, polo que se priorizarán os controis de saúde dos nenos e nenas menores de 15 meses”.
Para as nacionalistas, esta cuestión deixa ver a falta de planificación e de investimento do Servizo Galego de Saúde, que non é quen de cubrir as vacacións do seu persoal e prefire deixar sen atención ás crianzas de Betanzos e da súa comarca.
Segundo o cartel, o resto dos controis para realizar entre o 15 de xuño e o 15 de setembro poderían ser pospostos até despois do verán. “O que fai o SERGAS é crear un duplo problema: non só non garante o control de saúde da infancia de Betanzos durante o verán, senón que pospón eses controis e axuda a colapsar as consultas do outono, cando comezan a aparecer as enfermidades nos cativos”, indicaron desde o BNG.
As nacionalistas anunciaron iniciativas a nivel local e nacional para solucionar este problema.
Recortes no servizo de traballo social
Este feito únese á carencia de traballadora social no centro de especialidades de Betanzos. “Nas últimas semanas, as usuarias dos servizos de traballo social do centro de saúde alertáronnos da ausencia de persoal para este servizo. Polo que puidemos saber, a traballadora social estivo de baixa laboral e desde a Consellaría de Sanidade non se cubriu en tempo esta baixa, deixando de servizo ás numerosas persoas usuarias”, explicaron as nacionalistas.
No BNG esíxenlle á Consellaría de Sanidade que cubra as baixas do persoal e que evite que estas situacións se repitan no futuro, máxime en servizos tan delicados como o de traballo social, en que son necesarios trámites continuos en prazos moi concretos.