O BNG avogou por incluír os barrios tradicionais da Ponte Vella e a Condomiña no ámbito de protección do Plan de Protección do Casco Histórico

ch2

As nacionalistas defenden buscar unha alternativa de tránsito para o tráfico rodado en toda a zona monumental, abrir a cidade histórica aos ríos e abrir novos espazos públicos na zona monumental

“Cremos que debera ser un documento máis ambicioso para transformar o Casco Histórico, non limitarse a xestionar o devalo da zona monumental”

O BNG avogou por incluír os barrios tradicionais da Ponte Vella e a Condomiña no ámbito de protección do Plan de Protección do Casco Histórico

Betanzos, 18 de xaneiro de 2022.- O BNG avogou por incluír os barrios tradicionais da Ponte Vella e a Condomiña no ámbito de protección do Plan de Protección do Casco Histórico. “Histórica, patrimonial e tipoloxicamente conforman unha unidade xunto co recinto amurallado e os barrios da Ribeira e A Cañota, polo que deben tratarse conxuntamente para lograr unha protección efectiva de todo o conxunto histórico de Betanzos”, explicou a voceira nacionalista, Amelia Sánchez, na presentación das alegacións formuladas polo BNG no trámite de avaliación ambiental.

“O borrador do PEPOCH parte do fracaso do plan especial de 1992, e é certo, obxectivamente a cidade histórica de Betanzos está peor conservada agora que cando o PSOE o aprobou”, explican as nacionalistas. “Porén, o novo PEPOCH limítase a propoñer outra vez todas as intervencións que se aprobaron en 1992 e que o PSOE nunca tivo interese en executar” analizan desde o BNG. “Cremos que debera ser un documento máis ambicioso para transformar o Casco Histórico, non limitarse a xestionar o devalo da zona monumental”, explica a voceira nacionalista.

Retirar tránsito rodado do Casco Histórico para poder recuperalo

Neste sentido, as nacionalistas concordan coa Xunta na necesidade de retirar tránsito rodado e estacionamento da zona monumental. “É algo que o BNG ven defendendo desde hai décadas porque está demostrado, precisamente pola experiencia de goberno do BNG, que os Cascos Históricos que restrinxen o tráfico rodado son os que se recuperan”, abundou Amelia Sánchez. Por este motivo, o BNG cuestiona a edificabilidade que o PEPOCH do PSOE prevé nas hortas da rúa Nova, que inclúe uns garaxes soterrados con saída ao Valdoncel, o que implica a demolición dos restos da muralla neste treito.

As nacionalistas defenden buscar unha alternativa de tránsito para o tráfico rodado en toda a zona monumental. Nas alegacións formuladas tanto ao PXOM como ao PEPOCH o BNG propón ata tres alternativas para retirar o tránsito rodado da Ponte Vella e, polo tanto, do corazón do barrio da Ribeira. “Isto permitiría recuperar a fachada litoral da cidade histórica de Betanzos, coa tipoloxía tradicional que aínda se conserva no peirao de Antolín Faraldo e na Mariña xunto á Ponte Nova” remarca a portavoz municipal do BNG. “E permitiría tratar como o conxunto histórico que é as prazas de Antolín Faraldo e  a Eira Vella, co río Mandeo como eixo vertebrador”, abunda.

Abrir a cidade histórica aos ríos

As nacionalistas defenden abrir a cidade histórica aos ríos. Para iso, desde o BNG propoñen prolongar a rúa da Fonte de Unta sobre as ruínas que a pechan cara o Mandeo. “Abrir a rúa ata o Mandeo, con edificios de baixo e dúas alturas de estética tradicional a cada lado e conectividade rodada cara a Cañota permitiría recuperar unha zona actualmente degradada, revalorizaría o entorno e complementa a proposta dun parque interior na mazá da Cañota, Os Soportais do Campo e a rúa dos Ánxeles” explica Amelia Sánchez.

Crear novos espazos e áreas verdes no corazón da cidade

O BNG propón  tamén abrir novos espazos públicos na zona monumental, primando zonas verdes para crear novas zonas para a vida comunitaria e poñer en valor patrimonio histórico da cidade. Unha delas, a demolición das naves fronte ao convento das Agostiñas para recuperar a muralla. As nacionalistas propoñen crear unha nova praza pública fronte á Porta do Cristo da Ribeira, en lugar do bloque de pisos que o planeamento proxecta. “Axudaría a calmar o tránsito, a poñer en valor a Porta e mais a crear zonas libres na cidade histórica, que ten un grande déficit delas”, explica Amelia Sánchez.

Outro espazo a recuperar para o uso público é a rúa que discorre desde a praza de Lanzós, por detrás do Pazo de Bendaña e a Casa Núñez, até o hórreo da rúa Nova, un proxecto que xa presentara a unha convocatoria europea o BNG cando cogobernou Betanzos, entre 2003 e 2007, que a pesar de merecer unha mención da Comisión Europea nunca foi executado. O BNG propón abrir outra praza pública fronte á Pescadería, reordenando a edificabilidade que lle corresponde á horta do Pazo de Taboada.

A proposta do BNG para a ordenación do Casco Histórico contén tamén a dotación de novos servizos e dotacións: ampliar a Casa Consistorial co inmoble contiguo para devolver a Administración municipal ao Casco Histórico, destinar a usos administrativos a Casa Gótica e adquirir a torre de Lanzós para centro de interpretación do Casco Histórico. A Casa de Lousada, na Eira Vella, acollería un centro sociocultural para o barrio da Ponte Vella e a Fábrica da Luz faría o propio para a Madalena.

O BNG avogou por incluír os barrios tradicionais da Ponte Vella e a Condomiña no ámbito de protección do Plan de Protección do Casco Histórico