Acto aberto do BNG para seguir reclamando un centro de día para Betanzos

A creación dun centro de día no antigo ambulatorio permitiría darlle unha nova vida ao edificio e dotar Betanzos dun servizo básico para a atención á dependencia e para a conciliación da vida familiar e laboral.

Acto aberto do BNG para seguir reclamando un centro de día para Betanzos

Betanzos, 19 de xuño de 2026. O BNG de Betanzos desenvolveu no serán de onte un acto público para seguir reclamando un centro de día público para o concello e para a súa comarca.

No acto, que tivo lugar no parque da Travesa do casco histórico, interviñeron a edil nacionalista, Amelia Sánchez; a xerontóloga do Consorcio Galego de Igualdade, Ximena Campos; e a deputada do Parlamento galego, Mercedes Queixas Zas.

Sánchez fixo un percorrido arredor das máis de dúas décadas de demanda dun centro de día público para Betanzos nas diferentes institucións. “Desde a apertura do centro de saúde do Carregal en 2005, no BNG vimos solicitando sen descanso a creación desta infraestrutura no edificio do antigo ambulatorio, tanto para a reutilización dun espazo como o mencionado, como para dar cobertura a un servizo básico para a atención á dependencia e á conciliación da vida familiar e laboral”.

Na súa intervención, Ximena Campos falou sobre o funcionamento dos centros de día e do seu carácter fundamental para a atención ás persoas maiores e ás persoas con discapacidade.

Canto a Mercedes Queixas, incidiu nas promesas incumpridas da Xunta de Galiza, a administración coas competencias para a creación deste servizo, lembrando que “o expresidente Núñez Feijóo prometeu rematar o seu primeiro mandato creando un centro de día nos concellos de máis de 5000 habitantes, unha promesa que segue sen materializarse a día de hoxe”.

“Mentres que para o Partido Popular o coidado das persoas maiores segue a ser un negocio, tanto no referente aos centros de día como ás residencias, no BNG seguimos apostando por uns servizos públicos de calidade para a atención da dependencia”, sentenciou a parlamentaria nacionalista.

Acto aberto do BNG para seguir reclamando un centro de día para Betanzos