Encontro aberto do BNG para expoñer as propostas sobre o casco histórico
As nacionalistas presentaron as súas propostas a nivel municipal e galego, reclamando unha mobilidade que garanta o dereito ao espazo público para toda a veciñanza e medidas concretas para lle devolver a vida ao casco histórico
A xornada rematou cun roteiro polas zonas históricas de Betanzos, coa guía de Henrique del Río e incluíndo as propostas das nacionalistas para cada lugar
Betanzos, 11 maio de 2024.- O BNG de Betanzos desenvolveu esta mañá un encontro aberto ao que estaban convidadas asociacións de comerciantes e de veciñas betanceiras, así como todas as veciñas e veciñas que quixesen achegarse para escoitar as propostas das nacionalistas para o casco histórico.
O acto, que tivo lugar no mesmo casco vello, contou coa presentación da voceira local do BNG de Betanzos, Amelia Sánchez, quen articulou as propostas das nacionalistas betanceiras arredor de dous eixos: actuar sobre a mobilidade dentro da zona histórica e devolverlle a vida ao casco vello. Sobre a primeira, apostou por “unha mobilidade que garanta o dereito ao espazo público para toda a veciñanza” e incidiu en que “só aquelas poboacións que optan pola peonalización conseguen auténticas mudanzas nestas zonas e nas súas dinámicas comerciais e poboacionais”.
Tamén interveu a deputada no Parlamento galego, Mercedes Queixas, quen debullou as iniciativas que o BNG ten presentado a nivel parlamentar para fomentar a rehabilitación de vivendas no casco betanceiro e quen instou á Xunta de Galiza a que amplíe os fondos do programa Rexurbe e acelere os trámites e os procesos de rehabilitación.
Por último, tomou a palabra Rubén Arroxo, tenente de alcalde no concello de Lugo, coa finalidade de explicar as mudanzas en materia de peonalización e outras intervencións que se están a realizar na zona histórica da cidade da muralla e que están a supoñer un auténtico cambio na cidade.
Roteiro polo Casco Histórico
A xornada rematou cun roteiro polo casco histórico, que foi guiado por Henrique del Río. Na ruta percorréronse os lugares máis destacados dos “cascos históricos” de Betanzos, incluíndo en cada parada as propostas das nacionalistas para os diferentes puntos.