
Presume o goberno local do PSOE na prensa dun investimento multimillonario no casco histórico repasando o novo mobiliario e macetas que está a colocar nas rúas e os proxectos cosméticos para o turismo: os parques de San Francisco e do Pazo de Taboada, a reconversión do mercado a espazo privatizado para hostalaría e a reconversión da sede da Policía Local en nova oficina de turismo. No BNG xa temos dito que non os vemos mal en si, mais que é comezar a casa polo tellado e que faltan políticas que garantan que o casco histórico é un lugar para vivir, convivir e crear -arte, produtos, riqueza- e non un escenario inerte para o turismo.
Botamos en falta medidas transversais que freen e revertan a perda de poboación e a degradación da vivenda no casco ou a súa simple conversión en vivenda turística, que garantan que o casco ten os servizos, comodidades e confort precisos para desenvolver unha vida satisfactoria na actualidade. O PEPOCH de 1992 fracasou no seu cometido: a degradación da zona monumental continuou e foi incapaz de impulsar os proxectos de rexeneración urbana que recollía. Quizais, en parte, por non incorporar daquela xa as novidades que había no tocante a reurbanización e rehabilitación residencial, impedindo instalar, por exemplo, garaxes ou ascensores. Unha regulación cada vez máis obsoleta que o PSOE foi incapaz nin de actualizar nin de substituír: a contratación do novo PEPRI do casco histórico é un sainete que dista de rematar.
Desde 2003 o casco está declarado área Rexurbe. Aínda que no BNG somos críticos coa filosofía da normativa aprobada pola Xunta do PP, esta declaración exixe dun plan de dinamización que recolla aspectos relativos á rehabilitación residencial, mais tamén á dinamización social, demográfica e económica. Tampouco o ten nin iniciado o goberno local do PSOE.
Asemade, tampouco utiliza as ferramentas que ten para reverter o devalo: nin utiliza as competencias urbanísticas e de vivenda; nin executa o aprobado plan do centro comercial aberto, que ten medidas de dinamización económica; nin desenvolve o PEPOCH vixente. Fóra de grandes declaracións, para o goberno local do PSOE o casco non é unha prioridade alén de ser escenario de festas, desfiles e reclamo turístico.
No BNG cremos que o patrimonio é o que fai diferente a Betanzos, o noso grande activo económico, e que ese patrimonio cumpre un papel para a sociedade que vai alén de ser un must a marcar na colección de postais de calquera persoa que nos visite. Por iso insistimos na urxencia de recuperar o casco histórico como lugar para vivir e facer vida, con equipamentos para a veciñanza, con servizos para veciñas e comercio. E logo, se queren, que nos visiten para velo.