O BNG denuncia o derrubo dunha parte da muralla medieval no Valdoncel
Os nacionalistas trasladaron ao Pleno as advertencias do cronista oficial, que en xuño alertou a Patrimonio desta situación. As actas da xunta de goberno local non recollen que o PSOE tomase medidas ao respecto.
Betanzos, 28 de novembro de 2014. O BNG trasladou ao Pleno as denuncias veciñais diante da destrución do que, segundo o cronista municipal, é parte da muralla medieval na rúa do Valdoncel. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, deu conta das advertencias do Cronista Oficial da cidade, que alertou sobre esta demolición a Patrimonio o pasado mes de xuño.
Os nacionalistas advertiron, como fixera xa o historiador, que nun solar do Valdoncel é visíbel parte da muralla da cidade, derruída e coas pedras amoreadas a modo de entullo de obra. Sen embargo, non consta que o goberno local tomase accións ao respecto para garantir a reposición e conservación da muralla da cidade explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Nin nas actas da xunta de goberno local figura que se acordase nada ao respecto nin na abondosa propaganda que fai o goberno se alude a este feito ironizou.
Por este motivo, desde o BNG reclamaron ao goberno local que adoptase medidas urxentes para repoñer a muralla da cidade. Os nacionalistas recordan que durante o longo mandato do PSOE a muralla padeceu outras agresións. O propio Cronista alertou ao goberno local de que se destruíra parcialmente unha torre na porta do Hórreo, engaden. Do mesmo xeito, desde o BNG lembran que o goberno do PSOE permitiu que se tapase outra torre da muralla que apareceu en moi boas condicións ao demoler un edificio na rúa da Fonte de Unta.
O PSOE é incapaz de pasar da palabrería aos feitos cando se trata de tomar medidas para conservar o patrimonio histórico, denuncian desde o BNG. Levan dúas décadas anunciando a retirada do cableado nas portas da muralla e aí están para velos, ironiza o portavoz municipal do BNG. Se son incapaces de facer iso, como para pedirlles que promovan programas de rehabilitación de vivenda ou que creen equipamentos socioculturais ou zonas verdes no Casco Histórico, exclama.