O BNG volta insistir na xestión directa do mercado municipal de Betanzos
“No BNG defendemos que o mercado municipal debe enfocarse prioritariamente a dar un servizo á veciñanza e aos produtores de Betanzos e da nosa comarca, como escaparate e oportunidade para os nosos produtos, que moi dificilmente teñen acceso á venta en grandes áreas comerciais”
“O concurso deserto é a consecuencia do enfoque turístico que o goberno local do PSOE lle deu ao mercado de abastos, a súa proposta para a xestión do espazo consiste nunha concesión a unha empresa privada que non se mete porque, obviamente, non hai a perspectiva de negocio que un mercado deste tipo ten en grandes cidades”
Betanzos, 9 de maio de 2025. O BNG pediu de novo ao goberno local do PSOE que asuma a xestión directa do mercado municipal. “Acaba de ficar deserto o concurso para explotar a maior parte da Pescadería por un canon mínimo que é o que se lle estaba a cobrar a cada unha das praceiras que estaban traballando nela”, advertiu Salvador González, concelleiro nacionalista.
“O concurso deserto é a consecuencia do enfoque turístico que o goberno local do PSOE lle deu ao mercado de abastos, a súa proposta para a xestión do espazo consiste nunha concesión a unha empresa privada que non se mete porque, obviamente, non hai a perspectiva de negocio que un mercado deste tipo ten en grandes cidades”, destacou González.
Neste sentido, as nacionalistas demandaron ao goberno local do PSOE que “pare e pense”. “O goberno local embarcouse só nesta privatización do mercado, o Pleno instouno a valorar e a estudar a xestión directa do Mercado Municipal de Abastos e agora que a empresa privada lle di que non lle interesa explotar o mercado é o momento de explorar esta outra vía”, explican desde o BNG.
“No BNG levamos lustros demandando a mellora do mercado municipal en accesibilidade, equipamentos e dinamización, xa fixemos investimentos cando diriximos a Concellaría de Comercio hai 20 anos e propuxemos completar a súa oferta con mercados de produtos de tempada na praza contigua, para reforzar a súa función comercial”, recordan as nacionalistas. “Cando en 2022 o goberno local anunciou un proxecto para a posta en valor do mercado con cargo a fondos europeos, no BNG estivemos a favor, porque pensamos que é un investimento necesario, longamente demandado e que debe contribuír á dinamización comercial do Casco Histórico e ao servizo da súa veciñanza”, abudan.
“No BNG defendemos que o mercado municipal debe enfocarse prioritariamente a dar un servizo á veciñanza e aos produtores de Betanzos e da nosa comarca, como escaparate e oportunidade para os nosos produtos, que moi dificilmente teñen acceso á venta en grandes áreas comerciais”, apuntou o concelleiro nacionalista.
“Cremos que é o enfoque que debe ter un servizo municipal como a praza de abastos, construída e rehabilitada con fondos públicos, sen excluír, obviamente, o turismo como fonte de ingresos complementaria pero nunca ao revés, os servizos que se lle prestan á nosa veciñanza non deben estar condicionados a un exclusivo beneficio turístico”, concluíu Salvador González.