O BNG de Betanzos pide maior eficiencia no uso dos pavillóns deportivos
Cómpre reunir o Consello de Deportes de Betanzos para escoitar as necesidades das entidades deportivas e elaborar un cronograma para solucionar as problemáticas que teñen a ver cos usos das instalacións deportivas
Betanzos, 30 de xuño de 2026. O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria co fin de optimizar o uso dos pavillóns polideportivos betanceiros, implicando aos diferentes clubs e entidades deportivas, para que se poidan impartir novas actividades e se poida ampliar a oferta deportiva.
Segundo a concelleira Vanessa Rey, “o crecente número de clubs e a diversidade dos deportes que están a aparecer, fan que os espazos sexan escasos. O pavillón municipal e os pavillóns dos centros educativos xa non son suficientes para acoller todas as actividades, ao teren tamén que compatibilizar o seu uso coa actividade docente nos centros educativos”.
As nacionalistas lembran que o club de bádminton xa tivo que trasladarse a outro concello ao carecer dun espazo en que adestrar en Betanzos e a situación non mellorou. O pavillón municipal e os pavillóns escolares carecen de espazo para novas asociacións, posto que os seus horario están completos.
“Os clubs indícannos que necesitarían máis horas de uso dos pavillóns, e eses espazos son insuficientes para toda a oferta deportiva betanceira, polo que habería que buscar outras opcións, como incluír o polideportivo de Guiliade como instalación de uso dos clubs e das asociacións”, indicou Rey.
No BNG apoian as necesidades de todas estas entidades e instan a reunir o Consello de Deportes de Betanzos, para escoitar as necesidades das entidades e elaborar un cronograma para solucionar as problemáticas que teñen a ver cos usos das instalacións deportivas.