O BNG propuxo na reunión da comisión do Ano Antolín Faraldo abrir a participación a asociacións e entidades de Betanzos e a súa comarca
Neste sentido, Amelia Sánchez indica que "o Concello debe colocar unha placa na casa natal de Antolín Faraldo sinalando o seu berce e a trascendencia da súa figura
O BNG xa avanzou, así mesmo, que organizará unha serie de actos propios co gallo do Ano Antolín Faraldo que se sumarán á homenaxe que as nacionalistas tributan cada ano ao pé do seu monumento en torno á data de nacemento do líder provincialista, cuxo 200 aniversario se celebra este 2022
Betanzos, 23 de febreiro de 2022.- O BNG propuxo esta tarde na primeira reunión da comisión organizadora do Ano Antolín Faraldo abrir os traballos da mesma a asociacións e entidades de Betanzos e a comarca. "Queremos que a figura de Antolín Faraldo sexa coñecida e sentida como propia pola veciñanza de Betanzos e da nosa comarca e a maneira de logralo é implicalas desde o inicio neste ano de actividades para poñer en valor a súa figura" destacou a voceira do BNG, Amelia Sánchez.
"Non se pode aprezar o que se descoñece, por iso cremos que debe estar a veciñanza desde o inicio, desde o propio deseño da programación, participando neste Ano Antolín Faraldo" abundou. "É a garantía de que os actos que se programen son sentidos como propios pola veciñanza e que contarán co seu respaldo" insistiu.
Neste sentido, Amelia Sánchez indica que "o Concello debe colocar unha placa na casa natal de Antolín Faraldo sinalando o seu berce e a trascendencia da súa figura". "A editorial Alvarellos está a piques de publicar unha investigación sobre Antolín Faraldo onde, entre outros extremos, se localiza a vivenda e cremos que sería un bo punto de partida para este Ano Antolín Faraldo partir desta obra para colocar unha placa na vivenda natal do Secretario da Xunta Suprema de Galiza", engade a voceira do BNG. "Unha placa que indique que fixo Faraldo e que non precise de emendas posteriores", ironiza, en alusión á placa instalada polo propio BNG no monumento do líder provincialista para aclarar quen foi- a do Concello só dicía datas e lugares de nacemento e pasamento.
Neste sentido, as nacionalistas propoñen que o Concello faga un chamamento aos descendentes vivos de Antolín Faraldo para que se sumen a esta homenaxe ao primeiro teórico e líder do movemento social que acabou sendo o nacionalismo galego. "Queremos que todas participen e sería xenial contar coa súa familia viva para isto, ademais de coas entidades e asociacións de Betanzos" indica Amelia Sánchez. "Non todas as cidades e vilas dun país teñen entre a súa veciñanza unha figura capital para a Historia e o autogoberno dun país como ten Betanzos con Faraldo e é algo que debera ser motivo de orgullo para todas as betanceiras: se Galiza hoxe ten Parlamento e Xunta débese, en boa parte, a Faraldo", concluíu.
O BNG xa avanzou, así mesmo, que organizará unha serie de actos propios co gallo do Ano Antolín Faraldo que se sumarán á homenaxe que as nacionalistas tributan cada ano ao pé do seu monumento en torno á data de nacemento do líder provincialista, cuxo 200 aniversario se celebra este 2022.