O BNG homenaxea a Antolín Faraldo o vindeiro 17 de agosto

O BNG homenaxea a Antolín Faraldo o vindeiro 17 de agosto

O acto inclúe un recital de poesía, música e a intervención do Portavoz Municipal do BNG, Henrique del Río. “Nin ao PSOE nin ao PP interesoulles o máis mínimo difundir o significado da figura de Antolín Faraldo”

Betanzos, 12 de agosto de 2011. O BNG presentou esta mañá o contido da homenaxe que tributará a Antolín Faraldo o vindeiro 17 de agosto, coincidindo co Día da Galiza Mártir. A homenaxe comezará ás 20 h e servirá coma presentación pública da nova Responsábel Local de Galiza Nova, as mocidades do BNG, Sara Matilla. Ademais, un recital de poesía coa participación de Marica Campo e Marcos Abalde e unha lectura de textos a cargo de persoeiros do mundo da cultura e dos voceiros do BNG na comarca e unha actuación musical servirán para amenizar a homenaxe.

O tributo a Antolín Faraldo rematará cunha intervención do Portavoz Municipal do BNG, Henrique del Río, e unha ofrenda floral. O BNG repartirá gratuitamente unha lámina co retrato do líder provincialista betanceiro e distribuirá nos vindeiros días dípticos explicativos da vida, obra e o significado da figura de Antolín Faraldo.

“A pesar de que a Corporación aprobou por unanimidade recoñecer e divulgar a figura de Antolín Faraldo hai anos, non se fixo nada neste sentido” explicou Henrique del Río, que avanzou que o BNG voltará a esixir no Pleno o cambio da placa no monumento de Antolín Faraldo para que se explique quen foi este intelectual que anticipou o nacionalismo galego. “Nin ao PSOE nin ao PP interesoulles o máis mínimo difundir o significado da figura de Antolín Faraldo”, censurou o voceiro nacionalista, que avanzou unha campaña para dar a coñecer ao principal apoio intelectual da Revolución Galega de 1846 entre os seus paisanos.

A homenaxe a Antolín Faraldo será o vindeiro 17 de agosto, coincidindo co Día da Galiza Mártir, instituído polo Consello de Galiza (o goberno galego no exilio) no aniversario do asasinato de Alexandre Bóveda. Precisamente neste ano cúmprense 75 anos do asasinato do que fora fundador de Caixa Pontevedra.
 

O BNG homenaxea a Antolín Faraldo o vindeiro 17 de agosto