O BNG propón declarar 2022 o Ano de Antolín Faraldo
A tal fin, ademais de declarar 2022 como o “Ano de Antolín Faraldo”, o BNG propón constituír unha comisión de traballo, impulsada por todos os grupos da Corporación Municipal, mais aberta a colectivos sociais e culturais, co fin de deseñar un programa de actividades culturais, de divulgación e lúdicas arredor da figura de Faraldo
Betanzos, 20 de outubro de 2021.- O BNG propoñerá no Pleno a declaración de 2022 como o “Ano de Antolín Faraldo”. “O 2 de setembro de 1822 nacía en Betanzos Antolín Faraldo Asorey, polo que o vindeiro ano será o segundo centenario do seu nacemento”, explica a voceira do BNG, Amelia Sánchez.
As nacionalistas lembran que Antolín Faraldo foi un xornalista que colaborou en cabeceiras como EL Recreo Compostelano ou La Situación de Galicia e dirixiu El Porvenir e La Europa. En todos eles deixou espallado os fundamentos do pensamento provincialista, que sintetizaría na proclama da Xunta Suprema de Galicia do 15 de abril de 1846. Faraldo, secretario desta Xunta, encabeza aos civís que se sumaron á Revolución Galega de 1846. Todos eles, a xeración dos Provincialistas e dos Precursores do Rexurdimento, sentaron as bases do que sería o Rexionalismo político e o Rexurdimento pleno cultural.
“Co fusilamento dos Mártires da Liberdade en Carral e Betanzos inicia o fin da vida de Faraldo, que morrerá tras ser amnistiado en Granada” recorda Amelia Sánchez. O pai do Provincialismo Galego xa fora nomeado Fillo Predilecto de Betanzos en 2003 a iniciativa do BNG, mais o conxunto de medidas que acompañaban esta declaración fican aínda incumpridas polos sucesivos gobernos locais de PSOE e PP.
“A figura de Antolín Faraldo é unha figura de indiscutíbel peso na historia de Betanzos e de Galiza, ao punto de que o actual Estatuto de Autonomía existe, en boa medida, grazas á súa obra”, explican desde o BNG, que ano tras ano celebra unha homenaxe ao pé do busto de Antolín Faraldo a carón do Mandeo.
“Faraldo Asorey merece o recoñecemento social e institucional do Concello que o viu chegar ao mundo no bicentenario do seu nacemento e merece que a súa figura se dea a coñecer entre a veciñanza de Betanzos e de Galiza” engaden desde o BNG, reclamando, coma no 2003, que o Concello poña en valor a figura deste Fillo Predilecto “deliberadamente esquecido”.
A tal fin, ademais de declarar 2022 como o “Ano de Antolín Faraldo”, o BNG propón constituír unha comisión de traballo, impulsada por todos os grupos da Corporación Municipal, mais aberta a colectivos sociais e culturais, co fin de deseñar un programa de actividades culturais, de divulgación e lúdicas arredor da figura de Faraldo. As nacionalistas pretenden abrir a participación nesta comisión a outras institucións como a RAG, o Consello da Cultura Galega ou a Deputación da Coruña, entre outros nomes.