O BNG solicita que se convoque a comisión para avanzar no programa de actividades do Ano Antolín Faraldo
A día de hoxe, tres meses despois e iniciado xa o Ano Antolín Faraldo, descoñecemos os pasos que o goberno local está a dar para levar a cabo as decisións adoptadas por esta corporación en relación coa celebración do ano Antolín Faraldo
Betanzos, 1 de febreiro de 2022.- O BNG de Betanzos, a través da súa voceira local, Amelia Sánchez, interesouse polo estado en que se atopa o traballo de constitución da comisión interdisciplinar que deseñará as actividades do Ano Antolín Faraldo para este mesmo 2022.
Segundo Sánchez, “a corporación municipal decidiu, por iniciativa do BNG e por unanimidade, instaurar o ano 2022 como o Ano Antolín Faraldo con motivo do bicentenario do seu nacemento no mes de outubro. Nesta liña, instábase a constituír unha comisión de traballo, impulsada por todos os grupos da Corporación Municipal e aberta a colectivos sociais e culturais, co fin de deseñar un programa de actividades culturais, de divulgación e lúdicas arredor da figura de Faraldo. A día de hoxe, tres meses despois e iniciado xa o Ano Antolín Faraldo, descoñecemos os pasos que o concello está a dar para levar a cabo as decisións adoptadas por esta corporación”.
No BNG destacaron os traballos que se están a desenvolver neste tema noutras institucións, como a Deputación da Coruña, e botaron en falta a iniciativa municipal. “Cumpriría botar a andar a comisión, marcar unha folla de ruta para a realización das actividades desta efeméride, de grande importancia para o noso concello e para todo o país e reservar unha partida orzamentaria propia dentro dos orzamentos municipais”, abundou Sánchez.
Así mesmo, insistiron na necesidade de contar neste programa con asociacións e colectivos culturais betanceiros “actividades como esta dannos a oportunidade de contribuír a desconfinar a cultura de base, tan afectada pola pandemia da Covid”, afirmaron desde o BNG.