2022, ano Antolín Faraldo

Non se pode valorar o que se descoñece. Por iso esta proposta dun ano enteiro de actividades para recoñecer a persoa e poñer en valor a súa obra, para cumprir coa débeda histórica pendente con Antolín Faraldo. Mais, sobre todo, para sermos conscientes de que persoas pequenas desde sitios pequenos poden cambiar a Historia. Como fixo, coa Historia de Galiza, Antolín Faraldo.

2022, ano Antolín Faraldo
Imaxe da homenaxe do BNG a Antolín Faraldo en agosto de 2021
Imaxe da homenaxe do BNG a Antolín Faraldo en agosto de 2021

Ven de acordar o Pleno declarar 2022 como o “Ano de Antolín Faraldo” a proposta do BNG, coincidindo co segundo centenario do seu nacemento. Aínda están sen cumprir boa parte dos acordos que, en 2004, propuxeramos tamén desde o BNG para dar a coñecer a súa figura e obra e declaralo Fillo Predilecto.

Betanzos, e Galiza enteira, teñen unha débeda pendente con Antolín Faraldo. Se hoxe en día temos un Parlamento no Pazo do Hórreo, un goberno galego e un Estatuto de Autonomía débese en boa medida ao impulso fundacional de Antolín Faraldo, o home que encabezou, como Secretario, a Xunta Suprema de Galicia na Revolución de 1846, un pronunciamento democrático e galego.

Murguía tiña claro que Faraldo fora “o primeiro e o mellor” dos precursores do Rexionalismo e o Rexurdimento literario do galego. Castelao situouno na Santa Compaña dos inmortais galegos no seu célebre Alba de Groria, recoñecendo o seu papel fundacional. E Francisco del Riego viu nel ao “grande soñador” que teorizou o anceio de as galegas termos vontade de existirmos como tal e de gobernarmos nós mesmas a nosa casa común. O seu nome enche páxinas de grandes autores da nosa literatura, como Otero Pedraio, Manuel María, Suso de Toro ou Manuel Rivas. Todos recoñecen o seu papel fundacional no movemento social que actualmente é o nacionalismo galego e o seu carácter de precursor para que hoxe Galiza teña autogoberno.

E aínda así, Betanzos negoulle todo recoñecemento alén dun peirao cun busto seu, e porque o doou o seu autor, Rodríguez Osorio. Na mostra sobre a historia da cidade montada en cubos co gallo do 800 aniversario nin aparecía. Esta cidade ten unha débeda histórica cun veciño que, probablemente, foi dos que máis contribuíu a cambiar a Historia de Galiza desde o século XIX: se Galiza ten goberno, foi por Faraldo, se o rexionalismo deu un Himno e unha bandeira ao país, foi por el, se houbo Irmandades da Fala e estatutos de autonomía, el puxo a primeira pedra no 1846.

Faraldo defendeu un sistema tributario xusto, recuperar a capacidade produtiva do pais. “Na Historia apréndese a liberdade”, escribiu. Nada máis necesario e máis actual.

Non se pode valorar o que se descoñece. Por iso esta proposta dun ano enteiro de actividades para recoñecer a persoa e poñer en valor a súa obra, para cumprir coa débeda histórica pendente con Antolín Faraldo. Mais, sobre todo, para sermos conscientes de que persoas pequenas desde sitios pequenos poden cambiar a Historia. Como fixo, coa Historia de Galiza, Antolín Faraldo.


Artigo orixinalmente publicado no xornal Betanzos e a súa comarca no seu número de novembro de 2021

2022, ano Antolín Faraldo