O BNG pide que o Pleno reclame melloras no servizo ferroviario en Betanzos e na súa comarca
“É necesaria a modernización do trazado ferroviario entre Ferrol e A Coruña, contemplando a electrificación e dupla vía e a construción do bypass de Infesta para favorecer o emprego do ferrocarril en toda a zona urbana A Coruña-Ferrol, acurtando tempos de viaxe entre as dúas cidades e articulando a comunicación entre os diferentes concellos da nosa comarca”
O BNG pedirá tamén que o Pleno exprese o seu apoio as convocatorias do feminismo galego o 8 de marzo
Betanzos, 18 de febreiro de 2022.- O BNG pide que o Pleno reclame melloras no servizo ferroviario en Betanzos e na súa comarca, dentro da súa campaña “Queremos tren”. “Desde o BNG defendemos unha mobilidade que responda ás necesidades da nosa veciñanza, que una Betanzos cos concellos da nosa comarca natural e coas cidades da Coruña e Ferrol”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez. “
“É necesaria a modernización do trazado ferroviario entre Ferrol e A Coruña, contemplando a electrificación e dupla vía e a construción do bypass de Infesta para favorecer o emprego do ferrocarril en toda a zona urbana A Coruña-Ferrol, acurtando tempos de viaxe entre as dúas cidades e articulando a comunicación entre os diferentes concellos da nosa comarca”, engadiu a portavoz do BNG.
Desde o BNG piden tamén “que se restitúan os apeadeiros abandonados como o da Graña, o de Guísamo en Bergondo ou o de San Pantaleón en Paderne, e apertura de novo das estacións como a de Betanzos para dar cobertura aos principais núcleos de poboación e a habilitación de zonas de aparcamento gratuíto nas súas proximidades”, indicou Amelia Sánchez.
“O deseño de frecuencias e horarios adaptados ás necesidades das usuarias, nomeadamente traballadoras e estudantes, unha tarifa accesíbel e competitiva, incluíndo o transporte ferroviario dentro das bonificacións que ofrece a Tarxeta de Transporte Metropolitano da Xunta de Galiza, son melloras necesarias para promover o uso do tren, que garantindo unha mobilidade máis racional, máis útil para as galegas e os galegos e máis respectuosa co medio ambiente e as persoas”, informou a portavoz nacionalista.
Apoio ás mobilizacións convocadas polo feminismo o 8 de marzo
O BNG pedirá tamén que o Pleno exprese o seu apoio as convocatorias do feminismo galego que neste 2022 sinalan os compromisos pendentes e incumpridos por diferentes institucións e ámbitos de responsabilidade e colocan novamente no centro do debate político e social as consecuencias para as mulleres do sistema económico, social e político, agravadas polo impacto da pandemia da covid-19.
“Pedimos ao Pleno que demande do goberno da Xunta unha dotación suficiente persoal e medios para o CIM de Coirós, así como transporte público que permita usar este centro como centro comarcal ás usuarias e un centro de planificación familiar na nosa comarca, xa que na actualidade teñen que desprazarse á Coruña para recibir este servizo”, concluíu Amelia Sánchez.