O BNG recolleu sinaturas na feira en Betanzos para esixir melloras no servizo ferroviario
Dentro da súa campaña “Queremos Tren”, as nacionalistas pediron que se execute a modernización do trazado ferroviario entre Ferrol e A Coruña, contemplando a electrificación e dupla vía e construción do bypass de Infesta para favorecer o emprego do ferrocarril en toda a zona urbana A Coruña-Ferrol
Betanzos, 1 de marzo de 2022.- O BNG recolleu sinaturas esta mañá na feira en Betanzos para esixir melloras no servizo ferroviario. Dentro da súa campaña “Queremos Tren”, as nacionalistas pediron que se execute a modernización do trazado ferroviario entre Ferrol e A Coruña, contemplando a electrificación e dupla vía e construción do bypass de Infesta para favorecer o emprego do ferrocarril en toda a zona urbana A Coruña-Ferrol. “Isto permitiría acurtar tempos de viaxe entre as dúas cidades e articulando a comunicación entre os diferentes concellos da nosa comarca”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez. “Trátase de obras demandadas durante décadas polo BNG e que seguen sen executarse”, criticou.
Desde o BNG reclamaron un deseño de frecuencias e horarios adaptados ás necesidades das usuarias, nomeadamente traballadoras e estudantes. “É imprescindíbel que se empece por restituír as frecuencias que foron suprimidas ao comezo da pandemia e que aínda non se recuperaron”, indicou a portavoz do BNG.
Ademais, as nacionalistas insistiron na necesidade de que se aplique unha tarifa accesíbel e competitiva. “Incluír o transporte ferroviario dentro das bonificacións que ofrece a Tarxeta de Transporte Metropolitano da Xunta de Galiza e instaurar outras bonificacións ou descontos atendendo ao número de viaxes e características das persoas usuarias, serían medidas importantes para fomentar o uso do tren”, engadiu.
“Sería importante recuperar os apeadeiros abandonados da comarca como o da Graña no caso de Betanzos e reabrir as estacións de Betanzos e Infesta actualmente pechadas”, engadiu Sánchez, quen concluíu lembrando que o Pleno municipal ven de aprobar unha moción do grupo do BNG reclamando todas estas melloras.