O BNG pediu que a Xunta colabore co Concello de Betanzos na celebración do Ano Antolín Faraldo
“Consideramos que Antolín Faraldo merece un maior recoñecemento social e institucional e merece que a súa figura se dea a coñecer entre a veciñanza de Betanzos e de Galiza. Un recoñecemento que vai ser posíbel neste 2022 grazas á aprobación unánime do pleno do concello dunha moción presentada polo grupo municipal do BNG”
Betanzos, 12 de xaneiro de 2022.- O BNG pediu que a Xunta colabore co Concello de Betanzos na celebración do Ano Antolín Faraldo. A deputada nacionalista, Mercedes Queixas ven de rexistrar unha iniciativa no Parlamento de Galiza para solicitar o apoio da Xunta á celebración do ano Antolín Faraldo. “Pedimos que a Xunta se poña en contacto co concello de Betanzos o antes posíbel para colaborar nesta celebración”, indicou Queixas.
“Consideramos que Antolín Faraldo merece un maior recoñecemento social e institucional e merece que a súa figura se dea a coñecer entre a veciñanza de Betanzos e de Galiza. Un recoñecemento que vai ser posíbel neste 2022 grazas á aprobación unánime do pleno do concello dunha moción presentada polo grupo municipal do BNG”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas. “Deste xeito o 2022 xa foi declarado Ano Antolín Faraldo e está en marcha unha comisión de traballo plural, aberta a colectivos sociais e culturais, así como a institucións como a RAG e o Consello da Cultura Galega, que deseñarán un plan de actividades de divulgación e posta en valor desta figura histórica”, engadiu.
Desde o BNG consideran a figura de Antolín Faraldo unha figura de indiscutíbel peso na historia de Betanzos e de Galiza pola súa participación na chamada Revolución de 1846, para a cal redacta o 15 de abril de 1846 a proclama de constitución da Xunta Provisional de Goberno de Galicia, da que era secretario. “Foi a figura máis importante do provincialismo, Rexurdimento, que sentarían as bases do que sería o Rexionalismo político e o posterior nacionalismo galego”, engadiron.
O BNG anunciou actividades propias para poñer en valor a súa figura
O BNG anunciou tamén que neste ano levará a cabo unha programación de actividades e actos propios para poñer en valor e dar a coñecer a figura de Faraldo e a súa importancia na historia de Galiza. Desde o BNG lembran que todos os anos realizan unha homenaxe diante do seu busto no Paseo que lle da nome, todos estes recoñecementos institucionais promovidos polo BNG no Pleno de Betanzos