O BNG e a Fundación Galiza Sempre presentaron na libraría Biblos en Betanzos o seu caderno sobre Antolín Faraldo
“Antolín Faraldo foi, en palabras de Murguía, o primeiro e o mellor dos precursores, Castelao situouno na Santa Compaña dos inmortais galegos no seu célebre Alba de Groria, recoñecendo o seu papel fundacional e Francisco del Riego viu nel ao “grande soñador” que teorizou por vez primeira o anceio de as galegas termos vontade de existirmos como tal e de gobernarmos nós mesmas a nosa casa común”
Betanzos, 17 de setembro de 2022.- O BNG e a Fundación Galiza Sempre presentaron esta mañá na libraría Biblos en Betanzos o seu caderno sobre Antolín Faraldo. Na presentación participaron a voceira do BNG en Betanzos, Amelia Sánchez, xunto co autor do caderno Henrique del Río e a vicepresidenta da FGS e eurodeputada Ana Mirada.
“Non se pode valorar o que se descoñece, por iso desde o BNG animamos a achegarse a recoñecer a persoa e poñer en valor a súa obra de Faraldo, para cumprir coa débeda histórica pendente que temos con el. Mais, sobre todo, para sermos conscientes de que persoas pequenas desde sitios pequenos poden cambiar a Historia. Como fixo, coa Historia de Galiza, Antolín Faraldo”, afirmou a portavoz do BNG Amelia Sánchez.
“Antolín Faraldo foi, en palabras de Murguía, o primeiro e o mellor dos precursores, Castelao situouno na Santa Compaña dos inmortais galegos no seu célebre Alba de Groria, recoñecendo o seu papel fundacional e Francisco del Riego viu nel ao “grande soñador” que teorizou por vez primeira o anceio de as galegas termos vontade de existirmos como tal e de gobernarmos nós mesmas a nosa casa común”, explicou o autor do caderno, Henrique del Río. “Todo isto dá idea da importancia da figura de Faraldo que ademais tratou nos seus artigos temas que están de absoluta actualidade como a igualdade ou a saúde mental”, engadiu del Río.
“Apenas hai tres ou catro rúas dedicadas a Antolín Faraldo en toda Galiza, ningún espazo institucional da Xunta ou o Parlamento levan o seu nome, só na súa Betanzos natal ten dedicado un monumento... cando a súa figura é a dun pater patriae, á altura de Rosalía e Castelao á hora de definirnos actual e colectivamente como pobo e comunidade política. Nun país normal tal cousa non acontecería. É o camiño que temos pendente como sociedade: mirar na nosa propia Historia e comprender que na historia apréndese a liberdade”, concluíu del Río.
A vicepresidenta da FGS e eurodeputada Ana Miranda, explicou que este caderno forma parte dunha colección coa que a Fundación busca dar a coñecer a nosa historia e as nosas figuras referentes, moi descoñecidas pola deixadez das institucións oficiais.
Ao rematar o acto o autor do caderno guiou un roteiro pola Betanzos de Faraldo. Estas actividades forman parte da programación coa que o BNG da localidade e a comarca lle rinde homenaxe a Antolín Faraldo no 200 aniversario do seu nacemento.