O BNG homenaxeou esta mañá a Antolín Faraldo no 200 aniversario do seu nacemento
O pai do Provincialismo Galego xa fora nomeado Fillo Predilecto de Betanzos en 2003 a iniciativa do BNG e este ano foi declarado ano Antolín Faraldo tamén por iniciativa do grupo nacionalista.
Betanzos, 3 de setembro de 2022.- O BNG homenaxeou esta mañá a Antolín Faraldo no 200 aniversario do seu nacemento. No acto de homenaxe a Faraldo interviñeron Amelia Sánchez, portavoz do BNG de Betanzos, Mercedes Queixas e Mini Rivas, deputada e deputado do BNG.
“Betanzos, e Galiza enteira, teñen unha débeda pendente con Antolín Faraldo. Se hoxe en día temos un Parlamento no Pazo do Hórreo, un goberno galego e un Estatuto de Autonomía débese en boa medida ao impulso fundacional de Antolín Faraldo, o home que encabezou, como Secretario, a Xunta Suprema de Galicia na Revolución de 1846, un pronunciamento democrático e galego”, explicou a voceira do BNG, Amelia Sánchez.
“Faraldo defendeu un sistema tributario xusto, recuperar a capacidade produtiva do pais. Na Historia apréndese a liberdade, escribiu, nada máis necesario e máis actual”, endadiu a voceira do BNG.
O pai do Provincialismo Galego xa fora nomeado Fillo Predilecto de Betanzos en 2003 a iniciativa do BNG e este ano foi declarado ano Antolín Faraldo tamén por iniciativa do grupo nacionalista.
Presentación do caderno da Fundación Galiza Sempre e roteiro
A programación do BNG polo ano Antolín Faraldo completarase o vindeiro sábado 17 de setembro coa presentación do caderno publicado pola Fundación Galiza Sempre sobre Faraldo, ás 12 da mañá na libraría Libros con Ana Miranda, vicepresidenta da fundación e eurodeputada do BNG e o autor do caderno, Henrique del Río. A continuación haberá un roteiro guiado por Henrique del Río polos lugares de Betanzos de importancia na biografía de Faraldo.