O BNG de Betanzos achega as súas propostas para o orzamento de 2023
Os orzamentos de 2023 deben prescindir de gastos superfluos e centrarse no que realmente reactiva Betanzos: o comercio e o patrimonio.
Cómpre mellorar o aspecto que presenta a cidade e facer dela un lugar máis amábel para as familias.
Betanzos, 19 de decembro de 2022.- O BNG presentou as súas propostas para os orzamentos municipais de 2023, unhas propostas que se centran naqueles puntos que veñen solicitando a través das súas iniciativas plenarias.
As nacionalistas inciden en que “neste contexto de crise, con repercusións a nivel social, laboral, produtivo e comercial, os orzamentos municipais teñen que dirixirse si ou si a reactivar Betanzos”. Amelia Sánchez explicou que “é o momento de prescindir de toda a política de eventos, fastos, aparencia e propaganda que tanto gusta no goberno do PSOE e centrarse no que realmente activa Betanzos”.
Neste sentido, o BNG entende que os orzamentos de 2023 deben centrarse en medidas que realmente revivan os sectores estratéxicos de Betanzos, remarca Amelia Sánchez. “Cómpre reservar fondos para o desenvolvemento íntegro do plan estratéxico do Centro Comercial Aberto de Betanzos ou poñer en marcha un banco de locais comerciais que intermedie e avale o emprendemento”, indica a voceira nacionalista.
Igualmente, as nacionalistas consideran que estes orzamentos deben ser as contas da transparencia, dando maior lugar á participación veciñal. Segundo Sánchez, “a participación non se pode limitar a decidir que se fan cuns pírricos 100.000 euros, débese dar voz e participación activa ás asociacións e á veciñanza no seu conxunto”. Coa mesma finalidade, aumentar a transparencia e o bo goberno, deben limitarse as subvencións nominativas.
O patrimonio como elemento diferenciador de Betanzos
“Se hai un elemento que diferencie Betanzos, ese é o patrimonio, a pesar do estado en que se encontra”, afirma Amelia Sánchez. Para as nacionalistas, todo investimento en patrimonio histórico xera un retorno superior ao investido, polo que os orzamentos de Betanzos deben aumentar as partidas destinadas directamente ao patrimonio e non reducilas, como fan anualmente.
Así, no BNG propoñen, máis unha vez, unha partida anual de cando menos 120.000 euros para a rehabilitación do Pasatempo e habilitar fondos para a expropiación, rehabilitación e posta en valor da Casa Gótica e a Fábrica da Luz, para destinalas a equipamentos socioculturais de Betanzos.
Asemade, as propostas nacionalistas para os orzamentos inclúen a creación dunha liña específica de axudas á rehabilitación de inmóbeis para vivenda habitual tanto nos barrios históricos da cidade como nos núcleos tradicionais. Igualmente, propoñen destinar fondos ao plan de investimento nos espazos públicos do Casco Histórico.
Mellorar o aspecto da cidade
Co fin de facer máis amábel a cidade para as familias betanceiras, no BNG propoñen un plan de investimento nos parques infantís municipais, o pintado de xogos infantís -mariolas, xadrez, tres en liña, ...- noutros espazos públicos como prazas e rúas comerciais. Tamén a instalación de xogos adaptados para crianzas con mobilidade reducida nos parques e a colocación de pictogramas nos edificios municipais, como medidas inclusivas e integradoras.
Na mesma liña, as nacionalistas propoñen que se habiliten partidas específicas para mellorar zonas que presentan un aspecto degradado como o cemiterio municipal, a praza de Dona Águeda ou o Rego de Caraña; e que se mellore o mobiliario urbano coa instalación de fontes específicas para as mascotas e cinceiros nas zonas de hostelaría.
Ter en conta a zona rural
Sen esquecerse da zona rural do concello, as nacionalistas propoñen melloras nalgúns dos núcleos rurais betanceiros.
“Ao longo do ano fixemos propostas para que se mellorasen as fontes, lavadoiros e camiños. Tamén para reparar o pavillón de Guiliade, as pistas do Sapeiro en Requián ou para finalizar o saneamento en Bravío, entendemos que esas propostas deben ter partidas propias nos orzamentos municipais”, afirmou Sánchez.
Segundo as nacionalistas, as betanceiras do rural deben deixar de ser veciñas de segunda.