A Xunta está en proceso de aprobación dos seus orzamentos para o ano 2023, e na proposta do PP seguen esquecendo necesidades que levamos anos demandando para Betanzos e para a nosa comarca: fondos para rematar o saneamento e a depuración da ría de Betanzos, a rehabilitación do Parque do Pasatempo, que leva máis de 8 anos pechado, as melloras viais como no perigoso cruce de Montellos, a apertura dun centro de día, prometido durante décadas, ou a creación dun centro de orientación familiar. Non obstante, hai dúas cuestións de actualidade que merecen unha análise polo miúdo.
Por un lado a dotación orzamentaria para a ampliación do comedor do CEIP Francisco Vales Villamarín. Hai escasos dous meses, na sesión plenaria do mes de setembro, os grupos políticos que compoñemos a corporación acordabamos por unanimidade instar á Xunta de Galiza a realizar as obras necesarias para ampliar este servizo básico para a conciliación da vida familiar e laboral. A actual situación, que obriga ao estabelecemento de dúas quendas de xantar en Educación Primaria, está a interferir coa calidade do servizo. Só ampliando as instalacións do comedor se solucionaría esta problemática. A Xunta desoe á comunidade educativa e á sociedade betanceira e non pon sobre a mesa os fondos necesarios para acabar co sistema de quendas e mellorar a atención que se presta ás escolares betanceiras.
Por outra banda, temos a cuestión dos fondos para a rehabilitación de vivendas no Casco Histórico betanceiro. Nos últimos días asistiamos como espectadoras mudas a un novo derrubamento dunha vivenda na nosa zona histórica, ao tempo que coñeciamos o dato da existencia de máis dun centenar de vivendas en risco de desaparecer. Segundo a Xunta de Galiza, este investimento recóllese dentro do programa Rexurbe, mais o feito de non aparecer territorializado, fai imposíbel saber se o investimento é para o casco histórico brigantino ou para outros da provincia. É dicir, imposibilita coñecer a cifra exacta que se dedica ao noso casco.
Cómpre poñer fin a esta dinámica e apostar, dunha vez por todas, pola rehabilitación da nosa zona monumental facendo unha achega económica que leve consigo a revitalización da zona. No BNG desexamos un casco histórico vivo, cheo de familias e con futuro, pois cremos que o casco debe ser o motor do futuro económico da nosa cidade.
Xunta e Concello deben facer todo o posíbel para tornar estas cuestións en realidade e no BNG, sen dúbida, faremos todo o que estea nas nosas mans para logralo.