O BNG solicita orzamento para a creación dunha campa de varada en Betanzos
As nacionalistas solicitan información sobre o estado das negociacións entre a Demarcación de Costas e o Concello, así como a dotación dunha partida específica para a construción da infraestrutura.
Betanzos, 7 de decembro de 2022.- O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria para coñecer o estado das negociacións entre o Concello de Betanzos e a Demarcación de Costas de Galiza para a creación dunha campa de varada no peirao betanceiro.
Segundo a súa voceira, Amelia Sánchez, “o goberno local betanceiro anunciou a través dunha nota de prensa que retomaba as negociacións coa Demarcación de Costas de Galiza para estabelecer unha campa de varada nas inmediacións da depuradora do peirao de Betanzos e non se soubo máis do tema”.
Segundo o BNG, xa en 2018 existía un proxecto en firme para crear esta infraestrutura, un proxecto que mesmo contaba con financiamento nese momento e que non chegou a ser executado.
En palabras de Sánchez, “o goberno local debe explicar os motivos polos que se desbotou o anterior proxecto e o punto en se atopan as negociacións coa Demarcación de Costas para a creación da campa de varada”.
As nacionalistas solicitaron, igualmente, información sobre se se incluíu ou se vai incluír unha partida específica para a creación e o mantemento dunha campa de varada nos orzamentos municipais para o ano 2023.
Na mesma liña, desde o BNG solicitaron melloras na iluminación e no mantemento do peirao. Segundo Sánchez, “as persoas usuarias das instalacións do peirao, fundamentalmente os padexeiros e padexeiras que adestran nesa zona trasladáronnos o seu malestar pola escasa iluminación que presenta a área do río en que adestran e as proximidades do pantalán”.