O BNG anunciou o seu voto en contra da proposta de orzamento para 2021 do goberno local

Amelia Sánchez é a portavoz do BNG de Betanzos
Amelia Sánchez é a portavoz do BNG de Betanzos

A portavoz do BNG Amelia Sánchez explicou que o voto en contra do BNG se debe á falta de investimento propio en temas fundamentais para o BNG como o Casco Histórico ou a reconstrución da Casa Gótica e ao novo incremento do gasto en privatizacións, ao incremento das subvencións nominativas adxudicadas a dedo sen ningún tipo de criterio público.

“O goberno local adquiriu un compromiso coa plataforma de hostalería dunha nova orde de axudas dotada con 150 000 euros, mais no orzamento esta cantidade non aparece recollida”

O BNG anunciou o seu voto en contra da proposta de orzamento para 2021 do goberno local

Betanzos, 25 de febreiro de 2021. O BNG anunciou o seu voto en contra da proposta de orzamento para 2021 do goberno local, que se debaterá no Pleno de mañá venres. A portavoz do BNG Amelia Sánchez explicou que o voto en contra do BNG se debe á falta de investimento propio en temas fundamentais para o BNG como o Casco Histórico ou a reconstrución da Casa Gótica e ao novo incremento do gasto en privatizacións, ao incremento das subvencións nominativas adxudicadas a dedo sen ningún tipo de criterio público. 

As nacionalistas cuestionaron o nulo esforzo inversor. “Todo canto investimento aparece son as obras de Plans Provinciais, o convenio coa Deputación para o estanque do Retiro e os convenios coa Xunta para o subministro de auga e saneamento. O investimento propio é inexistente”, explicou Amelia Sánchez. “Nin se contempla investimento no Casco Histórico nin pasan dos pouco máis de 3000 euros para a reconstrución subsidiaria da Casa Gótica que levan anunciando desde 2011”, criticou. 

Sen orzamento para axudas a hostalería e o comercio

“O goberno local adquiriu un compromiso coa plataforma de hostalería dunha nova orde de axudas dotada con 150 000 euros, mais no orzamento esta cantidade non aparece recollida”, insistiu a portavoz nacionalista. “Por iso solicitamos ao goberno local que modifique o orzamento para o vindeiro ano e reserve partidas para poder compensar á hostalería e outros sectores que están sufrindo directamente dunha forma gravísima as consecuencias da pandemia”.

Privatizacións

“O gasto en servizos privatizados é case de dous millóns douscentos mil de euros”, denunciou a voceiro do BNG. “Privatízano todo, do mantemento dos xardíns á redacción das actas do pleno, da limpeza das rúas a pegar cartaces, non hai programa de gasto no orzamento que non contemple fondos para contratar empresas para facer cousas que o Concello pode facer directamente. Este ano privatizaron mesmo a elaboración deste orzamento” abundou. “Nós defendemos a xestión directa de determinados servizos, e o goberno local do PSOE opta politicamente por privatizalos, as máis das veces, como advirte a intervención, evitando o concurso público para adxudicalos a dedo”, engadiu.

Atencións protocolarias e propaganda

A portavoz nacionalista foi moi dura co gasto en atención protocolarias “Orzamentan 19.500 euros, aínda que todas as aquí presentes sabemos da volatilidade desta partida, que adoita incrementarse en un ou dous ceros na conta xeral. O mesmo acontece coa partida de publicidade, onde temos recollidos 17000 euros -tres veces menos que na última conta xeral”, criticou. 

“Isto que fan co gasto en propaganda ou protocolo fano tamén coas festas e con outros gastos que non melloran a calidade de vida da veciñanza, pero que son moi rendíbeis electoralmente para o PSOE”, abundou. “Sen embargo, non hai partida reservada para normalización lingüística, nada para igualdade, na radio municipal só gasto de persoal para un director e un locutor pero nada para a súa posta en funcionamento. Tampouco para o investimento que precisa o mercado de abastos. No transporte só o convenio do trasporte metropolitano, nada para o tan prometido bus á universidade”, explicou a portavoz nacionalista. 

Subvencións nominativas

“Continúan co aumento do gasto en subvencións nominativas e reservan unha mínima partida para as subvencións en concorrencia competitiva, que non se convocan desde o ano 2017”, criticou Sánchez, “as subvencións nominativas deben ser a excepción e están a convertelas na norma, fomentando con isto o clientelismo fronte ao acceso en igualdade aos cartos públicos”, concluíu. 

O BNG anunciou o seu voto en contra da proposta de orzamento para 2021 do goberno local