O BNG de Betanzos presenta iniciativas para apoiar o comercio local e a produción ecolóxica
O comercio e o pequeno empresariado, así como as pequenas explotacións en ecolóxico, son dous sectores chave na comarca brigantina que precisan do apoio institucional.
Betanzos, 29 de decembro de 2022. O BNG trasladou ao pleno ordinario do Concello que tivo lugar este serán dúas mocións de apoio ao que consideran dous sectores estratéxicos de Betanzos e da comarca das Mariñas. Neste sentido, presentaron senllas mocións de apoio ao comercio e ao pequeno empresariado, así como aos produtores ecolóxicos.
“O comercio betanceiro ten sido o referente comarcal ao longo dos anos, porén, a día de hoxe o sector comercial e das pequenas e medianas empresas continúa a sufrir as consecuencias da crise pospandémica e encara unha nova crise económica global”, afirmou a voceira nacionalista, Amelia Sánchez.
Segundo as nacionalistas, cómpre que os distintos gobernos promovan políticas en beneficio do sector, para que baixen os gastos fixos de mantemento destes negocios, e cómpre que o goberno local faga un esforzo en promover o consumo no pequeno e mediano comercio como opción responsábel, sustentábel ambiental e socialmente, e consciente.
No BNG propoñen poñer en marcha un plan de dinamización e impulso do comercio local, elaborado conxuntamente co sector, coa Corporación e cos axentes sociais.
Apoio á produción ecolóxica agro-gandeira
Na mesma liña que na iniciativa anterior, no BNG trasladaron ao pleno brigantino unha moción de apoio á produción ecolóxica agro-gandeira. A través desta iniciativa pretenden que a Xunta de Galiza complemente as axudas da Política Agraria Común europea, que deixan fóra boa parte das pequenas granxas de leite e de pequenos produtores de horta e de carne de vacún, mais tamén a producións de ovino ou cabrún en ecolóxico.
Segundo as nacionalistas, “o goberno da Xunta debe completar con fondos propios a cantidade orzamentada para a orde de axudas do ano 2022 até acadar os 5,6M€ necesarios para cubrir as solicitudes presentadas, co fin de promocionar activamente o paso das producións convencionais a ecolóxicas”.