Orzamentos Xerais do Estado: a historia dun desleixo
Unha das grandes infraestruturas que a nosa comarca precisa desde hai décadas, o bai-pass de Infesta, era esquecida tamén polo goberno do PSOE e de Unidas Podemos
Unha das grandes infraestruturas que a nosa comarca precisa desde hai décadas, o bai-pass de Infesta, era esquecida tamén polo goberno do PSOE e de Unidas Podemos
Hai unhas semanas presentáronse os Orzamentos Xerais do Estado e as betanceiras puidemos ver, máis unha vez, como o noso concello e a nosa comarca eran completamente ignorados por parte do Estado.
Unha das grandes infraestruturas que a nosa comarca precisa desde hai décadas, o bai-pass de Infesta, era esquecida tamén polo goberno do PSOE e de Unidas Podemos. A realización desta obra, que evitaría que os trens que percorren a liña A Coruña-Betanzos-Ferrol tivesen que inverter a marcha e que suporía o primeiro investimento real na modernización do trazado da liña, leva anos sendo ignorada polos diferentes gobernos do Estado (tanto do PP como do PSOE). Desde o ano 2013, en que se someteu a exposición pública o primeiro proxecto do trazado, ningún avance se ten producido neste ámbito. Son anos de orzamentos ridículos que nunca se executan e que culminan cos irrisorios 27.000 euros (para unha obra que roldaría os 20 millóns de euros) que se consignan para esta obra no orzamento de 2023.
No BNG apostamos pola realización deste proxecto como un primeiro paso que demostrase a aposta do goberno central por un servizo de ferrocarril de proximidades competente, útil e ao servizo das persoas usuarias. A modernización da vía ferroviaria entre Betanzos, A Coruña e Ferrol como medio de transporte de proximidade, sustentábel co medio ambiente e que permitiría artellar unha mellor comunicación no Golfo Ártabro debería ser un tema central para o goberno do Estado.
Neste momento estamos a encarar unha crise sen precedentes, unha crise que ten especial incidencia no prezo da enerxía e dos combustíbeis. Que mellor momento que o momento actual para apostar polos servizos de transporte colectivo, sexa a través do ferrocarril de proximidades, sexa a través do transporte por estrada por medio dos autobuses. Non obstante, o que os gobernos do Estado e da Xunta nos ofrecen é máis do mesmo: partidas orzamentarias pírricas; liñas escasas e con horarios incompatíbeis coa vida académica e laboral; e usuarias fondamente descontentas cos servizos de transporte colectivo.
Cómpre poñerlle fin a este desleixo e, dunha vez por todas, apostar por unha mobilidade colectiva pública, de calidade e útil para as persoas usuarias. É de xustiza.