O BNG esixe medidas de protección para as vivendas da zona histórica e para a seguridade da veciñanza
As nacionalistas denuncian que ao problema patrimonial se une un grave problema de seguridade viaria e para a integridade física das persoas, ante o que é necesario tomar medidas urxentes.
Betanzos, 12 de decembro de 2022.- O Bloque Nacionalista Galego no Concello de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria co fin de esixir ao goberno local do PSOE que tome as medidas necesarias para protexer as vivendas do casco histórico brigantino, así como a seguridade da veciñanza e das persoas que visitan a sona monumental.
Segundo a súa voceira, Amelia Sánchez, “nas semanas pasadas asistimos a un novo derrubamento dunha vivenda no casco histórico de Betanzos, neste caso no barrio da Ribeira. Este derrubamento vén a confirmar o grave problema que temos no Concello no que refire á conservación de noso patrimonio, ademais de alterar fondamente a seguridade e o tráfico viarios”.
Para as nacionalistas, as escusas do goberno local, que afirma que existen máis de 120 expedientes con orde de execución en vivendas da área monumental e que algunhas están en curso, non son máis que palabras que, na maioría dos casos, non levan a ningures.
As nacionalistas piden que se leven a cabo medidas efectivas ante o deterioro da zona histórica e que se faga canto antes. Asemade, denuncian que a este problema patrimonial se une un grave problema de seguridade viaria e para a integridade física das persoas.