O BNG presentou as súas propostas para os orzamentos municipais de 2022
Reservar fondos para o desenvolvemento íntegro do plan estratéxico do Centro Comercial Aberto de Betanzos, poñer en marcha un banco de locais comerciais que intermedie e avale o emprendemento ou investimentos para recuperar e dinamizar o mercado municipal
As nacionalistas propoñen tamén unha partida anual de cando menos 120 000 euros para a rehabilitación do Pasatempo
Betanzos, 5 de novembro de 2021.- O BNG presentou as súas propostas para os orzamentos municipais de 2022 “que tiña que ter sido presentado xa a finais de setembro á Corporación”, explicou a voceira nacionalista, Amelia Sánchez.
As nacionalistas explican que “neste contexto de crise provocada pola pandemia da covid-19, con gravísimos efectos a nivel social, laboral, produtivo e comercial, os orzamentos municipais teñen que dirixirse si ou si a reactivar Betanzos”. Amelia Sánchez explicou que “é o momento de prescindir de toda esa política de eventos, fastos e política de aparencia e propaganda que tanto gusta no goberno do PSOE e mover realmente o que move esta cidade”.
Neste sentido, o BNG entende que as contas para 2022 deben reforzar o investimento contra a crise. “Deixar o gasto en macetas e autobombo a un lado para centrarnos en medidas que realmente supoñan unha palanca para os sectores estratéxicos de Betanzos”, remarca Amelia Sánchez. Reservar fondos para o desenvolvemento íntegro do plan estratéxico do Centro Comercial Aberto de Betanzos, poñer en marcha un banco de locais comerciais que intermedie e avale o emprendemento ou investimentos para recuperar e dinamizar o mercado municipal.
O patrimonio como motor económico de Betanzos
“Betanzos é sinónimo de patrimonio a pesar do estado que boa parte del presenta”, recorda Amelia Sánchez, que destaca que “está máis que demostrado que o investimento en patrimonio histórico xera un retorno superior ao investido, a pesar do cal os orzamentos de Betanzos ano tras ano reducen estas partidas”.
Por este motivo, as nacionalistas propoñen unha partida anual de cando menos 120 000 euros para a rehabilitación do Pasatempo “para que non dependa de se hai remanentes ou non”. Do mesmo xeito, propoñen habilitar fondos para a expropiación, rehabilitación e posta en valor da Casa Gótica e a Fábrica da Luz para ampliar a rede de equipamentos socioculturais de Betanzos.
Nesta liña, as propostas do BNG para os orzamentos inclúen tamén crear unha liña específica de axudas á rehabilitación de inmobles para uso como vivenda habitual tanto nos barrios históricos da cidade coma nos núcleos tradicionais. “Cubre unha dobre finalidade, contribúe a garantir o dereito á vivenda e mais a conservación do patrimonio”, destaca Amelia Sánchez. Do mesmo xeito, propoñen destinar fondos ao plan de investimento nos espazos públicos do Casco Histórico “que producirá sinerxías co despregamento do Centro Comercial Aberto e as medidas de estímulo ao sector”.
Unha cidade para as crianzas
O BNG propón igualmente destinar fondos para a posta en marcha dun servizo de atención temperá, que reforce os servizos complementarios ao ensino. “O pleno acordou crear este servizo, é a hora de que o acordo pase do papel á realidade”, explica Amelia Sánchez.
Do mesmo xeito, propoñen facer máis amábel a cidade para as crianzas cun plan de investimento nos parques infantís municipais e mais co pintado de xogos infantís- mariolas, xadrez, tres en liña, etc- noutros espazos públicos como prazas e rúas comerciais. “Unha rúa con nenas a xogar é unha rúa viva, onde hai a vida comunitaria que precisa o pequeno comercio”, destaca Amelia Sánchez.
Rescatar a cultura de base
Finalmente, o BNG propón limitar ao mínimo imprescindíbel as axudas “a dedo” nas contas municipais para dotar e convocar subvencións ás que se poidan presentar todas as entidades da cidade. “Se sempre é isto o máis democrático, agora ademáis é urxente para recuperar o tecido asociativo e desconfinalo”, advirte Sánchez.
Amelia Sánchez destaca que este apoio á cultura de base virá tamén coa reserva de fondos específicos para normalización lingüística e coa partida específica para o Ano Antolín Faraldo. “Queremos que a cultura de base teña o seu plan de rescate tamén, e a figura de Faraldo e o programa anual de homenaxe que acordou levar adiante o pleno permíteo”, explica.