Amelia Sánchez: “O patrimonio e a cultura teñen que ser un elemento central no Betanzos que queremos”
O BNG celebrou esta mañá un encontro con entidades e persoas que traballan na animación cultural de Betanzos para compartir as súas propostas en materia de creación e difusión cultural
Betanzos, 6 de maio de 2023.- O BNG celebrou esta mañá un encontro con entidades e persoas que traballan na animación cultural de Betanzos para compartir as súas propostas en materia de creación e difusión cultural. No encontro participaron a candidata á Alcaldía, Amelia Sánchez, e mais Xavier Campos, integrante da candidatura, xestor cultural e asesor de políticas culturais na Deputación da Coruña.
“Pretendemos poñer en marcha un novo modelo de políticas culturais, enraizada na realidade social e lingüística de Betanzos e do país, que non sexa simple difusión de contidos, senón que apoie a creación, a produción propia, a investigación e o asociacionismo cultural”, indicou a candidata do BNG, Amelia Sánchez. “Betanzos é unha cidade histórica que xogou un papel determinante na Historia de Galiza e que estivo á vangarda tamén en creación artística ou a investigación, e ese é o contexto no que desenvolveremos unha política cultural alternativa, centrada no propio e no fomento do orgullo do que nos fai singulares” abundou a candidata nacionalista.
Neste sentido, o programa de goberno das nacionalistas busca redefinir os espazos para a creación e difusión cultural. “Queremos que o patrimonio sexa parte da comunidade e que cree sinerxías co resto de actores, non unha atracción turística inerte” explicou a nacionalista para apuntar iniciativas como a posta en marcha de ciclos artísticos fóra de espazos convencionais, coma o lavadoiro das Cascas, as grutas do Pasatempo ou os xardíns históricos da cidade, entre outros.
As nacionalistas propoñen devolver todas as oficinas administrativas municipais para o Casco Histórico, polo que prevén reacondicionar o Edificio do Arquivo do Reino para que acolla a biblioteca municipal Castelao, a biblioteca infantil e mais o Arquivo municipal, con espazos multidisciplinares e aproveitando que o edificio acolle xa sala de exposicións e aula de cultura. Os espazos libres no Mosteiro de San Domingos servirán para reorganizar o Museo das Mariñas dándolle máis espazo ás coleccións para poder contextualizalas debidamente.
“Betanzos, como capital que foi do Antigo Reino, é o lugar máis axeitado para acoller un centro de interpretación do Reino Medieval de Galiza, cuxa evolución pode explicarse perfectamente coa evolución que coñeceu a nosa cidade medieval”, explicou Amelia Sánchez. Por este motivo, desde o BNG proponse adquirir e destinar a este fin a torre de Lanzós, cuxo proceso de ruína continúa.
“En todos estes espazos haberá lugar para as persoas que se dedican á creación artística agora mesmo, deixando espazos para creadoras emerxentes e para novos sectores e expresións artísticas”, engadiu a candidata do BNG. “A cultura é tamén unha oportunidade para crear emprego e non imos deixar pasar a ocasión”, apuntou.
“Queremos potenciar o sentimento de pertenza, de identidade, o orgullo dos veciños e veciñas arredor da súa propia historia, tradicións, a paisaxe...” explica a nacionalista. “Só comprometendo a sociedade nun proceso de coñecemento, protección e conservación do seu patrimonio cultural, en sentido amplo, podemos garantir a súa conservación”, explicou.
Neste sentido, indicou que outra liña das políticas culturais que o BNG poñerá en marcha a partir de maio céntrase na investigación das expresións culturais propias de Betanzos, como as danzas gremiais e as demais figuras do Corpus (mómaros, coca, gamachiños...), o patrimonio oral e os labores tradicionais ou as festas vinculadas ao ciclo agrario que están por se perder, coma os maios ou as lumeiradas. “Sermos singulares, manter a memoria de noso e recuperar as nosas manifestacións culturais tradicionais é, ademais, a mellor tarefa de promoción turística que podemos facer” concluíu.