O BNG creará un centro de interpretación da cidade medieval e o Reino de Galiza na Torre de Lanzós
“Se hai unha política en Galiza claramente transformadora, esa é a política municipal do BNG, abonda ver como en vilas e cidades similares a Betanzos, coma Allariz, Ribadeo ou Pontevedra o BNG transformou para mellor a cidade e, o fundamental, mellorou a calidade de vida da veciñanza”
O programa de goberno do BNG aposta por un Betanzos máis sostíbel, “contratando o subministro enerxético a cooperativas que producen con enerxías renovábeis e que reinvistan no noso país os beneficios, por mudar o modelo de recollida do lixo, apostando pola reciclaxe e a compostaxe, por rematar o saneamento e exixirlle a Xunta e Estado que poñan fin á contaminación na nosa Ría e por estudar a remunicipalización da traída e o saneamento"
Betanzos, 16 de maio de 2023.- O BNG presentou esta mañá o seu programa de goberno. A portavoz e candidata do BNG, Amelia Sánchez, indicou que “actualizamos o proxecto de cidade do BNG nun proceso de diálogo con entidades, colectivos e veciñanza desenvolvido ao longo do último ano”.
O programa de goberno do BNG, que foi coordinado polo exedil Henrique del Río, está estruturado en seis grandes áreas que definen “o proxecto de cidade que o BNG ten para Betanzos, alternativo ao que comparten PSOE e PP”. Ao longo das súas páxinas suma varios centros de propostas concretas, e pode consultarse no web do BNG e nunha versión reducida en papel.
“O programa de goberno do BNG describe un novo modelo de cidade que busca espazos públicos de calidade para a veciñanza, servizos públicos de calidade, poñer en valor o que somos, o noso patrimonio e crear benestar e emprego a partir de todo isto” explicou a candidata do BNG, Amelia Sánchez. “Se hai unha política en Galiza claramente transformadora, esa é a política municipal do BNG, abonda ver como en vilas e cidades similares a Betanzos, coma Allariz, Ribadeo ou Pontevedra o BNG transformou para mellor a cidade e, o fundamental, mellorou a calidade de vida da veciñanza” destacou.
“Estamos convencidas que a receita para recuperar Betanzos é apostar polo propio, polo que nos fai diferentes, que é o noso maior atractivo, tanto á hora de deseñar unha nova política cultural como para deseñar o Betanzos do futuro”, explicou Amelia Sánchez. “Sabemos que Betanzos pode ser outra cousa, é unha cidade cun potencial inmenso e merecemos máis, merecemos unha cidade viva, dinámica, consciente do seu potencial, orgullosa da súa identidade” engadiu.
“Esta é unha idea que comparten moitas das nosas veciñas sobre como debería ser a nosa cidade, como poderiamos mellorar” explica a candidata do BNG. “Temos un proxecto claro e queremos unir á cidade en torno a este proxecto común, a este modelo de cidade alternativo con humildade, pero coas ideas claras”, destacou.
Unha cidade ambientalmente sostíbel
O programa de goberno do BNG aposta por un Betanzos máis sostíbel, “contratando o subministro enerxético a cooperativas que producen con enerxías renovábeis e que reinvistan no noso país os beneficios, por mudar o modelo de recollida do lixo, apostando pola reciclaxe e a compostaxe, por rematar o saneamento e exixirlle a Xunta e Estado que poñan fin á contaminación na nosa Ría e por estudar a remunicipalización da traída e o saneamento” resumiu Amelia Sánchez.
“É imprescindíbel asumir que o Casco Histórico precisa unha intervención integral, que comeza devolvendo as oficinas do Concello á Casa Consistorial e creando un Centro de Interpretación da cidade medieval e o Reino de Galiza na Torre de Lanzós pero que pasa, necesariamente, por reducir ao máximo o tránsito rodado primando a mobilidade peonil, cunha empresa pública de rehabilitación que cree vivenda e oportunidades onde hai cascotes, que devolva espazos verdes ao corazón da cidade e que faga posíbel crear riqueza a partir do que é: o maior activo económico que ten Betanzos”, engadiu.
Políticas transversais de igualdade
O programa de goberno das nacionalistas inclúe un tratamento transversal das políticas de igualdade. ”Trátase dunha cuestión fundamental, de xustiza social”, explicou Vanessa Rey, número 2 da candidatura. “Os nosos orzamentos incluirán partidas para poñer en marcha medidas concretas para previr e atallar condutas machistas, deixaremos de financiar actos que perpetúan os roles machistas, e abriremos un Centro de Información á Muller e un Centro de Orientación Familiar no Mosteiro de Donas”, concluíu.