Ana Pontón presenta a Amelia Sánchez como a mellor candidata para que Betanzos avance e desenvolva todo o seu potencial

Un tren de cercanías Ferrol-Betanzos-A Coruña, a defensa do patrimonio e do tecido produtivo, entre as prioridades do BNG local para o 28M

A líder do Bloque augura un resultado histórico nas próximas eleccións municipais, convencida de que será a forza política que máis suba

Ana Pontón presenta a Amelia Sánchez como a mellor candidata para que Betanzos avance e desenvolva todo o seu potencial

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación da candidata do BNG á Alcaldía de Betanzos, Amelia Sánchez, á que definiu como “unha persoa que leva Betanzos na cabeza e no corazón”, e lidera un proxecto coa mirada posta en desenvolver todo o potencial da vila, “para que Betanzos sexa o Betanzos que quere ser”.

“Dalgunha maneira sempre penso que Betanzos é unha boa metáfora do País”, engadiu a líder do Bloque, definíndoo como un lugar rico en recursos, en historia, en patrimonio, en identidade, pero cun enorme potencial aínda por desenvolver plenamente”.

Pontón explicou como a política municipal é chave para facer avanzar a idea do País do BNG, baseada nun modelo que recibe premios internacionais en campos como a mobilidade, a sustentabilidade ou a humanización dos espazos urbanos. “Un modelo que transforma en positivo as vilas e cidades, que mellora a vida das persoas e que fai que os concellos que lidera sexan concellos vivos, dinámicos, que buscan a súa mellor versión e que implican aos seus veciños e veciñas nesa mellora”, proclamou.

Nesta liña traballa o BNG de Betanzos con Amelia Sánchez á cabeza, promovendo iniciativas como a dun tren de cercanías Ferrol- Betanzos- Coruña, clave para a mobilidade cotiá dunha área que suma máis de 600.000 persoas. Un medio de transporte “estratéxico para o futuro de Betanzos, para gañar e fixar poboación”, argumentou.

“Igualmente”, engadiu, “quen confíe no potencial de Betanzos ten que estar de acordo coa defensa que fai Amelia e o BNG do patrimonio histórico, natural e tamén produtivo da vila”. A líder do Bloque tamén puxo o foco noutra das prioridades da alternativa que defende a candidata á Alcaldía: a posta en valor do partrimonio arquitectónico, continuando pola expresión máis extraordinaria do mundo indiano e da emigración co Parque do Pasatempo; pero tamén polos barrios mariñeiros como a Ribeira ou pola riqueza produtiva da súa horta e do seu sector vitivinícola.

“Son todos eles elementos estratéxicos á hora de pensar o que Betanzos pode ser nun proxecto liderado polo BNG”, indicou.

Pontón indicou que a boa xestión dos gobernos municipais do Bloque é o mellor aval para presentarse ante a cidadanía o 28 de maio, e responde a un modelo de País que se sustenta na confianza e no potencial de Galiza, “para saír adiante, prosperar e avanzar”.

A líder nacionalista destacou que a campaña ás eleccións locais desenvólvese nun momento de gran dificultade para a maioría social, nun contexto marcado pola crise de prezos que, un mes máis, en Galiza subiron máis que na media estatal, pese a ter salarios por debaixo e as segundas pensións máis baixas. Ao que se engade, o deterioro dos servizos públicos, en particular da sanidade, que está provocando unha gran alarma entre a cidadanía; ou o boom eólico depredador auspiciado polo Goberno do PP.

“O BNG defende o territorio, o desenvolvemento sustentable e respectuoso co medio social e natural, a capacidade produtiva dos recursos de cada lugar e facer da produción local un valor engadido”, destacou Pontón, que tamén destacou “o talento e capacidade da nosa xente moza”.

Gobernos municipais BNG, exemplos de xestión e transformación

“Os gobernos municipais do BNG son gobernos de calidade, eficacia, solvencia e capacidade de transformación para mellorar a vida das persoas. E ese é o mellor aval con que podemos presentarnosás ás eleccións de maio, unha cita electoral na que saímos a por todas, sen poñernos límites e estou convencida, imos ser a forza política que máis suba con máis alcaldías, máis concelleiros e máis concelleiras”, concluíu.

Ana Pontón presenta a Amelia Sánchez como a mellor candidata para que Betanzos avance e desenvolva todo o seu potencial