Catro anos de oportunidades perdidas para Betanzos
No BNG consideramos que o goberno local non estivo á altura das circunstancias ao longo destes catro anos, mais tamén confiamos firmemente nas betanceiras e betanceiros para reverter esta situación
No BNG consideramos que o goberno local non estivo á altura das circunstancias ao longo destes catro anos, mais tamén confiamos firmemente nas betanceiras e betanceiros para reverter esta situación
Estamos no final do mandato municipal, é o momento de facer balance destes catro anos de goberno local brigantino, de maioría absoluta do PSOE no goberno.
Catro anos en que non se produciron avances salientábeis na recuperación e posta en valor do noso patrimonio. O Casco Histórico continúa a presentar unhas condicións nefastas, expulsando poboación en lugar de ser o lugar de referencia para a vida diaria das familias de Betanzos e para o turismo cultural. E a outra grande xoia do noso patrimonio, o Pasatempo, leva anos pechado, cunha única achega orzamentaria executada, da area de patrimonio do BNG na Deputación, e inzado de promesas que, de momento, son só anuncios e non realidades. A lista de agresións ao noso patrimonio nesta lexislatura é interminábel: desde a pista de salto sobre un BIC, até a proba de rápel sobre a Torre do Reloxo pasando polo abandono da Fábrica da Luz.
E se falamos de abandono, debemos facer referencia ao estado que presenta o noso concello. As veciñas e veciños, así como as persoas que nos visitan, salientan o deterioro do aspecto das rúas e do mobiliario, a deixadez na limpeza e a falta de mantemento xeneralizada. Unha situación que vivimos a diario e que se acentúa no ámbito rural, porque non o esquezamos, Betanzos tamén ten unha zona rural, unhas parroquias que reclaman servizos dignos, limpeza e coidado das escasas instalacións deportivas ou sociais que posúen e, en definitiva esixen deixar de ser betanceiras de segunda categoría.
Ao longo destes catro anos de oportunidades perdidas, observamos como seguiamos a perder o noso papel referencial como cabeceira comarcal e como centro de servizos. O Centro de Especialidades do Carregal segue a carecer do persoal necesario para atender as necesidades das usuarias, as oficinas da Seguridade Social pecharon os seus servizos de atención á cidadanía e o noso sector comercial afronta unha nova crise reclamando unha maior colaboración institucional.
Porque se hai unha cuestión que nos preocupa e nos preocupou ao longo destes catro anos é esa falta de colaboración e de transparencia. As betanceiras reclaman, esixen, un goberno local ao servizo da veciñanza, que estea aberto a escoitar as súas necesidades e as súas propostas. En definitiva, un goberno que sexa institución máis próxima aos veciños e veciñas,
No BNG consideramos que o goberno local non estivo á altura das circunstancias ao longo destes catro anos, mais tamén confiamos firmemente nas betanceiras e betanceiros para reverter esta situación. Confiamos en que se unan a este proxecto, que non pretende outra cousa que poñer todo o potencial que Betanzos posúe en marcha. Entre todas cambiaremos esta dinámica e sairemos desta desidia. Porque Betanzos, merece máis.