O BNG traslada ao Parlamento a preocupación da veciñanza de Infesta pola xestión de residuos en Betanzos HB
Despois dunha reunión coa plataforma Infesta non se contamina, a deputada nacionalista Mercedes Queixas, preguntou ao goberno da Xunta “se realiza inspeccións periódicas da actividade desta fábrica que verifiquen o cumprimento da normativa de xestión de residuos”
Betanzos, 3 de maio de 2023.- A deputada do BNG, Mercedes Queixas, trasladou o Parlamento a preocupación da veciñanza de Infesta pola xestión de residuos da fábrica de Betanzos HB. Despois dunha reunión coa plataforma Infesta non se contamina, a deputada nacionalista, preguntou ao goberno da Xunta “se realiza inspeccións periódicas da actividade desta fábrica que verifiquen o cumprimento da normativa de xestión de residuos”.
“Esta fábrica, en funcionamento desde hai case 50 anos e situada ao pé de numerosas vivendas, algunha a menos de 500 metros de distancia, dedícase á elaboración de taboleiros a partir de madeira de eucalipto”, explicou Queixas. “Conta con dúas caldeiras e unha incineradora para queimar os restos da produción, logo da acumulación dos lodos en balsas contiguas á fabrica”, engadiu.
“Betanzos HB é coñecida tamén por ser causa dunha historia de denuncias continuas e procesos xudiciais por incumprimento da normativa laboral e medioambiental”, indicou a deputada do BNG. “As axudas públicas recibidas da Xunta por parte desta empresa son múltiples ao longo das últimas décadas, mais séguense producindo queixas dos veciños e veciñas por chuvia de cinza negra graxenta que afecta a bens móbeis, enseres, cultivos e plantacións, vibracións que impiden o descanso, dificultades respiratorias provocadas polo fume e vertidos continuos desde hai anos cara ao río Callou que desemboca na Ría de Betanzos, para a que desde o BNG levamos anos a demandar un plan de rexeneración e saneamento, que o PP non chegou nunca a aprobar”, informou Queixas.
Por todo isto, Mercedes Queixas solicitou ao goberno galego información sobre os procesos industriais que ten autorizados Betanzos HB así como sobre as reclamacións e denuncias da veciñanza. “Solicitamos ao goberno da Xunta transparencia en todo o que ten que ver coas causas abertas e denuncias presentadas a esta empresa, e sobre os informes que abalan a súa xestión de residuos e a súa cualificación como empresa baseada nun sistema de produción 100% natural”, informou Mercedes Queixas.
Desde o BNG explicaron que a actividade empresarial ten que cumprir con todos os parámetros de garantía dunha vida de calidade para as persoas e o medio ambiente en Infesta, e isto é garante ademais de que se manteñan os postos de traballo e da viabilidade da empresa”, concluíu.