O BNG lanza a súa precampaña das municipais co lema “Betanzos merece máis”
Amelia Sánchez: “Este é un goberno municipal incapaz de aproveitar todo o potencial de Betanzos”
Betanzos, 14 de outubro de 2022.- O BNG presentou hoxe a súa precampaña cara ás eleccións municipais co lema “Betanzos merece máis”. O lema intégrase nun corazón que representa o amor por Betanzos e que inclúe o B inicial do nome da cidade. A candidata do BNG á alcaldía, Amelia Sánchez, explicou que co lema “recollemos o sentir dos betanceiros e betanceiras nun lema claro: Betanzos merece máis. Témolo todo como concello para avanzar: situación , patrimonio, referencialidade, e non obstante, toda a veciñanza de Betanzos percibe que imos a menos pola incapacidade do goberno local para aproveitar toda a potencia de Betanzos. Precisamos un proxecto serio e ambicioso para a nosa cidade”.
O BNG de Betanzos busca do seu lema chamar a atención sobre a inercia negativa en que está sumido o concello: “Queremos darlle volta á resignación que hoxe existe na veciñanza, para impulsar con ela un Betanzos que avance, un Betanzos pensado en grande”, engadiu Amelia Sánchez, que responsabiliza directamente "á falta de ideas do goberno municipal. Este é un goberno incapaz de aproveitar o potencial de Betanzos. Non é que non queiran, é que nin queren nin saben. Vemos con tristeza como como Betanzos vai perdendo peso ano tras ano: nos servizos públicos, no autobús, na sanidade, etc e fronte a isto temos un goberno municipal incapaz de esixir o que nos corresponde como cabeceira comarcal”, explicou a candidata nacionalista.
“Betanzos está instalado na desatención, no desleixo, debido á falta de intelixencia do goberno local para poñer en valor o noso patrimonio, os nosos recursos turísticos e económicos, o capital humano e social que temos entre a veciñanza. Betanzos merece, moito máis, porque o temos todo para avanzar e entre todas podemos facelo posíbel”, concluíu a candidata do BNG, Amelia Sánchez, que tamén explica que "o BNG vai traballar nunha candidatura ampla, aberta, ambiciosa e ilusionante, que se faga cargo desa sensación que hoxe hai en Betanzos de que o concello vai a menos e sexa capaz de sumar ao noso arredor toda a vontade que hai entre os betanceiros e betanceiras para darlle a volta a esta situación. Imos ir a por todas, porque temos plena confianza en Betanzos e sabemos que Betanzos pode e merece ser moito máis."