O BNG pediu á Xunta que concrete compromisos de actuación do programa Rexurbe en Betanzos
“Máis da metade das vivendas adquiridas polo IGVS no casco histórico de Betanzos están en situación de abandono”
“O PP vén afirmando que este investimento se recolle dentro do programa Rexurbe, pero o certo é que este non aparece territorializado, co que é imposíbel saber se o investimento é para o Centro Histórico de Betanzos ou outros, por iso pedimos que concrete investimento e prazos para a rehabilitación das vivendas que o IGVS ten en Betanzos”
Betanzos, 20 de xaneiro de 2022.- O BNG presentou unha iniciativa no Parlamento pedindo á Xunta que concrete compromisos de actuación do programa Rexurbe en Betanzos para este ano 2022. “Na actualidade, no centro histórico de Betanzos o IGVS é propietario de 20 vivendas, a maioría delas adquiridas hai máis de 10 anos”, indicou a deputada nacionalista Mercedes Queixas. “Desde o ano 2011 a Xunta rehabilitou 8 destas vivendas; consecuentemente, máis da metade das vivendas adquiridas pola Xunta están en situación de abandono en 2022”, engadiu Queixas.
“Dada a importancia patrimonial do Centro Histórico de Betanzos e a necesidade de vivenda de promoción pública, nomeadamente por parte da mocidade, así como a importancia a nivel económico para toda a comarca pola proxección turística da localidade, para o BNG sería prioritario continuar con esta rehabilitación que coloque no mercado unha maior oferta pública de vivenda accesíbel, razón pola que foi incorporada desde o noso grupo parlamentario, como en anos anteriores, unha emenda para tal fin nos orzamentos da Xunta para 2022 que non foi aceptada polo Partido Popular”, explicou a deputada do BNG.
“O PP vén afirmando que este investimento se recolle dentro do programa Rexurbe, pero o certo é que este non aparece territorializado, co que é imposíbel saber se o investimento é para o Centro Histórico de Betanzos ou outros, por iso pedimos que concrete investimento e prazos para a rehabilitación das vivendas que o IGVS ten en Betanzos”, concluíu Mercedes Queixas.
O casco histórico de Betanzos é un dos máis importantes do noso país e está nun estado de conservación lamentábel, asistindo ano tras ano a unha deterioración cada vez máis irrecuperábel que fai perder relevancia e identidade histórica a Betanzos, declarada cidade do Reino de Galiza polo rei Henrique IV en 1465.