O BNG pediu información á Xunta sobre o estado da licitación das novas fases de restauración do Parque do Pasatempo
Mercedes Queixas: “Logo de ter transcorrido máis de dous anos desde o anuncio da adxudicación de 1,5 millóns de euros para afrontar as novas fases de recuperación deste BIC, non se ten feito pública a licitación destas obras, o que pode impedir cumprir cos prazos de execución e a consecuente perda dos fondos europeos adxudicados”
Betanzos, 15 de maio de 2024.- O BNG pediu información á Xunta sobre o estado da licitación das novas fases de restauración do Parque do Pasatempo de Betanzos. “Logo de ter transcorrido máis de dous anos desde o anuncio da adxudicación de 1,5 millóns de euros para afrontar as novas fases de recuperación deste BIC, non se ten feito pública a licitación destas obras, o que pode impedir cumprir cos prazos de execución e a consecuente perda dos fondos europeos adxudicados”, explicou a deputada do BNG, Mercedes Queixas.
A deputada nacionalista pediu tamén información sobre o prazo máximo en que teñen que estar executadas estas obras. “A finais de 2021 facíase pública a adxudicación de 1,5 millóns de euros de fondos europeos para a recuperación do Parque do Pasatempo de Betanzos a través do Plan Turístico Xacobeo 21-22, mais non sabemos se o prazo para executar este investimento remata a finais de ano, como se anunciara, ou se se vai permitir algunha prorroga na súa execución”, engadiu Queixas.
“Até este momento, este espazo cultural senlleiro dentro do patrimonio cultural galego e sometido a un proceso de abandono e deterioración inxustificábel por parte do Concello e da Xunta que puxo en risco a propia supervivencia, só recibiu atención do servizo de cultura da Deputación da Coruña, xestionado polo BNG, a través dun convenio asinado co Concello de Betanzos, polo que se asignaban 750.000 euros para a rehabilitación do parque e que permitiron recuperar o estanque do Retiro”, indicou a deputada nacionalista.
Desde o BNG pediron información sobre o plan de restauración que ten previsto desenvolver a Xunta para o investimento de 1,5 millóns de euros anunciados na memoria dos orzamentos da Xunta para 2024.
“O Parque do Pasatempo de Betanzos leva pechado ao público desde 2018 debido aos desprendementos que se produciron nos estanques da Gruta e do Retiro, que ameazaban a estabilidade da estrutura do parque e que poñían en risco a seguridade do público visitante. Pensamos que é urxente e prioritario darlle a importancia que merece a posta en valor deste Parque e executar canto antes as obras de rehabilitación necesarias”, concluíu Queixas.
Concreción do Plan Director
Neste proceso de restauración do Parque do Pasatempo, o goberno galego unicamente ten colaborado coa redacción do plan director deste parque enciclopédico e monumento máis representativo de Betanzos, declarado BIC en febreiro de 2020. “É fundamental que a Xunta e o concello expliquen como se vai desenvolver o Plan Director do Parque do Pasatempo de Betanzos, entregado ao Concello o pasado mes de marzo”, cuestionou a voceira do BNG en Betanzos, Amelia Sánchez.