O BNG pediu no Pleno que se actualice a información do web e que se dinamice o funcionamento da oficina de rehabilitación
A páxina web municipal carece de información sobre as opcións que calquera persoa poida ter para rehabilitar unha vivenda da súa propiedade no Casco Histórico
Betanzos, 1 de setembro de 2021.- O BNG reclamou onte no Pleno a actualización da información na páxina web da Oficina de Rehabilitación. “A páxina web municipal carece de información sobre as opcións que calquera persoa poida ter para rehabilitar unha vivenda da súa propiedade no Casco Histórico. As referencias son ao Plan REHAVITA da Xunta de 2015-2020, a axudas á rehabilitación do Plan Estatal de anos pasados ou ás bonificacións nas ordenanzas fiscais”, explicou Amelia Sánchez, portavoz do BNG en Betanzos.
“Chama a atención a falta de medidas concretas para a promoción da rehabilitación das vivendas na zona monumental, alén dunha rebaixa de taxas como se fose a presión fiscal o verdadeiro causante da situación que presenta o parque inmobiliario do Casco Histórico. Isto, obviamente, tradúcese no avellentamento poboacional e noutros fenómenos socio-demográficos que contribúen á lenta e progresiva degradación do que, no BNG consideramos, debera ser a locomotora que tirase do progreso de todo o municipio”, engadiu a portavoz nacionalista.
“Confronta esta falta de información sobre axudas, e mesmo sobre procedementos e trámites, coas manifestacións do goberno local e, desde logo, consideramos que non facilita unha primeira información á veciñanza sobre o que pode ofrecer a Oficina de Rehabilitación antes de visitala fisicamente”, engadiu.
Por iso o BNG pediu que se dinamice o funcionamento da Oficina de rehabilitación, que se actualice a información na páxina web municipal e que se faga un seguimento dos compromisos da Xunta en relación coas vivendas propiedade do IGVS no Casco Histórico de Betanzos. A moción do grupo nacionalista foi aprobada por unanimidade.