O BNG solicita a instalación de novo mobiliario nas rúas
“Son moitas as veciñas que nos amosan as súas protestas de maneira recorrente pola carencia de mobiliario urbano e polo estado de conservación que presenta o existente”
Betanzos, 14 de xuño de 2022.- O Bloque Nacionalista Galego de Betanzos solicitou na pasada sesión plenaria ordinaria a instalación de novo mobiliario urbano que se adecúe aos novos modelos de vida e que contribúa á limpeza das rúas do concello, así como o axeitado mantemento do actual.
En palabras da súa voceira, Amelia Sánchez, “son moitas as veciñas que nos amosan as súas protestas de maneira recorrente pola carencia de mobiliario urbano e polo estado de conservación que presenta o existente. Neste sentido, os novos xeitos de vida fan necesaria a presenza de novos tipos de mobiliario como papeleiras específicas para as cabichas do tabaco, as fontes que incorporen bebedeiros diferenciados para as mascotas ou papeleiras para depositar os excrementos dos animais de compañía”.
Segundo as nacionalistas, sería positivo instalar novas papeleiras con cinceiros nas zonas de hostelaría e onde se aglutina un maior número de persoas fumadoras, para contribuír á limpeza das rúas e para evitar que se tiren ao chan estes produtos, dificilmente degradábeis.
Canto ás fontes, “hai unha carencia notábel de puntos de auga no centro urbano que se podería solucionar instalando fontes que inclúan surtidores diferenciados para as mascotas e para as persoas”, engadiu Sánchez.