O BNG solicita a reparación do pavillón polideportivo de Guiliade
“O teito presenta varios buratos de grande tamaño que son perfectamente visíbeis desde o exterior da construción e, mesmo, desde a estrada próxima, e que poden levar ao tellado ao colapso de non se repararen”
Betanzos, 6 de xuño de 2022.- O Bloque Nacionalista Galego presentou unha iniciativa plenaria para solicitarlle ao Concello de Betanzos que repare a cuberta do pavillón polideportivo do núcleo rural de Guiliade.
Segundo a voceira local do BNG, Amelia Sánchez, “as persoas usuarias e as veciñas de Guiliade amosáronnos a súa preocupación polo estado que presenta o tellado do pavillón polideportivo da súa aldea”. As nacionalistas constataron que o teito presenta varios buratos de grande tamaño que son perfectamente visíbeis desde o exterior da construción e, mesmo, desde a estrada próxima, e que poden levar ao tellado ao colapso de non se repararen.
Esta preocupación cobra máis sentido de termos en conta a carencia de infraestruturas deportivas cubertas que presenta o Concello de Betanzos e, especialmente, a zona rural. En palabras de Sánchez, “as betanceiras do rural deben deixar de ser consideradas veciñas de segunda e desfrutar dos mesmos dereitos que as súas conveciñas.
Desde o BNG pediron ao goberno local políticas específicas para a zona rural do concello, “que está completamente abandonado e onde as únicas propostas do goberno local son asfaltados e desbroces”, concluíu Sánchez.