Apostemos polo noso medio ambiente, apostemos polos nosos ríos

Débese acabar cos vertidos que converten a nosa ría nunha das máis contaminadas do noso territorio

Apostemos polo noso medio ambiente, apostemos polos nosos ríos

O 5 de xuño conmemórase o Día do Medio Ambiente e no Concello de Betanzos temos pouco que celebrar neste sentido. Cando as nosas devanceiras decidiron onde localizar a poboación en que residimos, deixáronnos como legado unha cidade que se localiza nun contorno natural privilexiado. Todas somos conscientes de que Betanzos se asenta nun lugar de grande riqueza natural, paisaxística e ecolóxica, aínda que as nosas gobernantes decidisen, ao longo das décadas, vivir alleas a esa realidade e mesmo estragala de maneira reiterada. 

Podemos poñer como exemplo un modelo urbanístico depredador que vive de costas ao Mendo e o Mandeo, que se nega a convertelos no centro da vida cotiá da veciñanza betanceira e que os converteu nos sumidoiros da cidade. Ao longo dos anos, no BNG temos denunciado de maneira recorrente os numerosos vertidos directos aos ríos e á ría (o último, o 22 de maio), as fugas da rede de saneamento municipal ao Mendo e ao Mandeo, as carencias no funcionamento da EDAR do porto e outras cuestións que afectan directamente á calidade de vida da nosa veciñanza, ao se converter en auténticos problemas de saúde pública para a sociedade brigantina.

Cómpre actuar con celeridade e cómpre poñer diñeiro sobre a mesa para solucionar dunha vez por todas esta cuestión. Débese acabar cos vertidos que converten a nosa ría nunha das máis contaminadas do noso territorio. Así, no BNG levamos anos denunciando feitos como o que se produciu nas semanas pasadas, tanto no concello como na Xunta de Galiza, sen que se tomen medidas para evitalos, creando unha sensación de total impunidade en todo o relacionado co coidado do medio ambiente. E, asemade, débese dotar orzamentariamente a renovación e mellora da rede de saneamento, unha rede anticuada e que sofre continuas avarías, cortes de subministro e roturas nas infraestruturas.

Imaxinemos, só por un minuto, a riqueza que uns ríos e unha ría coidados poderían achegar para a nosa sociedade. Unha ría produtiva desde o punto de vista da pesca e do marisqueo; uns espazos naturais aproveitábeis desde unha óptica turística e ecolóxica; unhas ribeiras polas que pasear gozando da fauna e da paisaxe fluvial... Imaxinemos, só por un minuto, o que significaría devolverlle a vida ao Mendo, ao Mandeo e á ría de Betanzos.

O medio natural en que nos movemos é parte da herdanza que recibimos das nosas devanceiras, deixarllo vivo ás nosas fillas é un compromiso que debemos adquirir desde xa. Fagámolo.

 

Apostemos polo noso medio ambiente, apostemos polos nosos ríos