O BNG pedirá no Pleno melloras nos locais sociais e un programa de actividades para a súa dinamización
“Unha mellora en que se recollan aspectos como o mantemento das instalacións, a eliminación das barreiras arquitectónicas e a instalación de elementos para a eficiencia enerxética dos locais como placas solares e cargadores eléctricos para uso da veciñanza”
Tamén instarán ao goberno local a deseñar un programa de actividades para os locais sociais das parroquias con propostas como actividades para a dinamización da lectura, grupos teatrais, actividades para os diferentes sectores de idade
Betanzos, 30 de maio de 2022.- O BNG pedirá no Pleno melloras nos locais sociais e un programa de actividades para a súa dinamización. “O Concello de Betanzos posúe unha rede de locais sociais para o uso e desfrute da veciñanza, quer na zona rural, quer na zona urbana do noso municipio. Mais, estes locais non sempre están dispoñíbeis para os usos diarios da veciñanza e presentan certas deficiencias que deberían ser tidas en conta polo equipo de goberno local”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.
“Neste sentido, a veciñanza que acostuma facer uso dos locais, de idade madura na maior parte dos casos, amosa a súa molestia polas barreiras arquitectónicas que aínda aparecen nalgúns dos locais e polo estado de conservación e de limpeza dos mesmos”, indicou a portavoz nacionalista. ”Igualmente, amosan o seu descontento polo escaso horario de apertura dos mencionados locais”, engadiu.
Por iso o BNG pedirá ao Concello de Betanzos que desenvolva un programa de mellora das infraestruturas da rede de locais das parroquias e dos barrios de Betanzos. “Unha mellora en que se recollan aspectos como o mantemento das instalacións, a eliminación das barreiras arquitectónicas e a instalación de elementos para a eficiencia enerxética dos locais como placas solares e cargadores eléctricos para uso da veciñanza”, explicou Sánchez.
Tamén instarán ao goberno local a deseñar un programa de actividades para os locais sociais das parroquias con propostas como actividades para a dinamización da lectura, grupos teatrais, actividades para os diferentes sectores de idade “de maneira que convertamos estes lugares no centro da vida das parroquias e dos barrios e a favorecer a apertura dos locais sociais nun horario definido e estábel para o uso e goce de todas as veciñas”, concluíu a portavoz do BNG.