O BNG pide de novo no Pleno solución aos problemas do servizo de subministro de auga

Amelia Sánchez
Amelia Sánchez

Desde o BNG pediron que a empresa concesionaria do servizo de auga a realice os investimentos necesarios para manter un servizo digno e eficiente a toda a veciñanza

Pediron tamén que se informe adecuadamente á veciñanza das rúas afectadas polos cortes de auga e que se habiliten vías para que ás veciñas e veciños afectados poidan solicitar que se lles desconte na facturas os días e horas que non puideron desfrutar do servizo

O BNG pide de novo no Pleno solución aos problemas do servizo de subministro de auga

Betanzos, 27 de xuño de 2022.- O BNG pide de novo no Pleno solución aos problemas do servizo de subministro de auga. “O servizo de subministro de auga potábel é un servizo básico e indispensábel para a vida diaria da veciñanza. Este servizo está xestionado pola empresa privada Viaqua -antes Aquagest- desde o ano 1971, cun contrato que nunca saíu a licitación nestes 50 anos e que a día de hoxe se atopa en situación de prórroga”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez. 

“Desde o BNG vimos denunciando o mal estado da rede de canalización do servizo, os episodios de turbidez da auga e as frecuentes roturas e cortes do servizo desde hai anos. Estas cuestións, lonxe de repararse, veñen sendo cada vez máis frecuentes e chaman a atención nos últimos días, en que se produciron varios cortes no subministro”, engadiu Sánchez.

“Só no mes de xuño temos constancia dunha avaría complexa na rede o día 7, que levou consigo o corte do servizo durante case todo o día; un corte de auga o día 17 logo da rotura dunha canalización mentres se realizaban labores de reparación na zona do Carregal e que provocou un escape de gas; unha rotura dunha canalización o sábado 18 na Ponte Nova que tivo sen subministro aos veciños do Mandeo e de boa parte do Casco Histórico case toda a mañá e outras avarías e cortes de menor importancia noutros puntos da zona urbana”, indicou a portavoz nacionalista. 

Por iso, desde o BNG pediron que a empresa concesionaria do servizo de auga a realice os investimentos necesarios para manter un servizo digno e eficiente a toda a veciñanza e un estudo do estado das redes de auga potábel, de augas fecais e de augas pluviais, así como da rede de sumidoiros e da traída de augas; co fin de determinar ás claras o estado destas infraestruturas e de propoñer as medidas necesarias para a súa mellora.

Desde o BNG pediron tamén que se informe adecuadamente á veciñanza das rúas afectadas polos cortes de auga e que se habiliten vías para que ás veciñas e veciños afectados poidan solicitar que se lles desconte na facturas os días e horas que non puideron desfrutar do servizo.

Posta en valor da Torre de Porras, na parroquia de Requian

O BNG trasladará unha proposta ao Pleno para localizar de maneira exacta e a sinalizar o lugar en que se encontra a Torre de Porcas ou Porras na parroquia de Santiago de Requián. “A fortaleza de Porras ou de Porcas localizaríase nos límites actuais dos concellos de Betanzos e de Abegondo, entre as parroquias de Santo Estevo de Piadela e San Salvador de Limiñón, na proximidades do núcleo de Guiliade, próxima ao antigo castro de Xanrozo e dentro da parroquia de Santiago de Requián. Esta fortaleza ou torre viña sendo a derradeira que había no camiño de Santiago a Betanzos, moi preto das inmediacións da nosa cidade”, explicou Amelia Sánchez. “Esta fortaleza encontraríase dentro dos límite do coto do mosteiro da Santo Estevo de Piadela A fortaleza pertenceu, nalgún momento da súa historia, á familia dos Andrade”, engadiu. 

O BNG propuso que se inclúa a Torre de Porcas ou de Porras na información que se ofrece na web municipal, na Oficina de Turismo e unha ruta de camiñada polas parroquias de Requián e de Piadela, xunto cos outros importantes elementos patrimoniais que se poden atopar nestes núcleos rurais. 

O BNG pide de novo no Pleno solución aos problemas do servizo de subministro de auga