O BNG solicita a posta a punto das instalacións deportivas do Sapeiro
As nacionalistas instan ao goberno local a mellorar o estado do campo de fútbol, da pista deportiva e das instalacións en que se celebran as festas de Santiago de Requián.
Solicitan, asemade, o mantemento e limpeza da fonte do Pozo, na rúa da Cañota.
Betanzos, 19 de maio de 2022.- O BNG de Betanzos, máis unha vez, presentou unha iniciativa plenaria en que solicitaban o mantemento e posta a punto das intalacións deportivas e veciñais do Sapeiro, na parroquia de Requián.
Segundo a voceira nacionalista, Amelia Sánchez, “no BNG recibimos queixas polo estado de deterioro en que se atopa o campo de fútbol do Sapeiro. Estas instalacións deportivas, que contan cun campo de fútbol e unhas pistas con gradas que tamén se utilizan para as festas patronais de Requián, atópanse nun estado lamentábel”.
As nacionalistas fan constar como no campo de fútbol medra a maleza, os vestiarios están abertos e carentes de mantemento, as porterías están desfeitas, as varandas corren perigo de caer e poden verse uns estraños paus cravados por todo o campo. Canto ás pistas e ao gradarío, precisan dunha limpeza a fondo e dunha corta da maleza que medra por todas as partes.
O estado actual desta infraestrutura resulta incomprensíbel de termos en conta a escaseza de instalacións deportivas e de lecer ao aire libre no concello betanceiro.
A voceira nacionalista engadiu que “estamos a escasos dous meses da celebración das festas de Requián e o estado do campo impediría a realización dos festexos”.
Mantemento da Fonte do Pozo
Na mesma liña, destacaron o mal estado en que se encontra a fonte do Pozo, na rúa da Cañota. O picho da fonte non bota auga desde hai meses e o estado de mantemento e de limpeza desta fonte emblemática do noso patrimonio é moi lamentábel.