O BNG trasladará ao Pleno o vertido que se produciu na tarde de onte no rio Mandeo
“O problema de vertidos á Ría e vertidos directos aos ríos Mendo e Mandeo é recorrente e desde o BNG levamos anos denunciando, tanto no concello como na Xunta de Galiza sen que como vemos se tomen medidas para evitalos”
Betanzos, 23 de maio de 2022.- O BNG trasladará ao Pleno o vertido que se produciu na tarde de onte no rio Mandeo. “O problema de vertidos á Ría e vertidos directos aos ríos Mendo e Mandeo é recorrente e desde o BNG levamos anos denunciando, tanto no concello como na Xunta de Galiza sen que como vemos se tomen medidas para evitalos”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.
O BNG lamentou un novo vertido á Ría e esixiu “contundencia” na actuación contra estes delitos ambientais. “Todos os anos cando chegan as primeiras choivas sufrimos episodios como este sen que teñan ningunha consecuencia nin se coñezan nunca as persoas responsábeis. Isto crea unha sensación de impunidade en todo o relacionado co coidado do medio e concretamente da nosa Ría que nos parece gravísima”, indicou Sánchez.
As nacionalistas demandarán ao goberno local que aclare se instruíu algún expediente en relación con este vertido e exixiron que aclaren que medidas vai adoptar a Administración Municipal. “Pediremos que se nos facilite a documentación en relación con este novo vertido e que se tomen medidas para evitar estes episodios que se veñen repetindo periodicamente”, concluíu.
O BNG trasladará o tema ao Parlamento
O BNG anunciou que trasladou de novo o tema ao Parlamento como xa fixera cos que se produciron nos últimos anos pedindo información de “en que situación se atopa a investigación sobre a procedencia destes vertidos e que tempos contemplan para ter información sobre a gravidade e as substancias así como dos responsábeis”, engadiu a deputada do BNG, Mercedes Queixas.