O BNG solicita a creación dun centro de orientación familiar e un centro de información á muller no Mosteiro das Donas
Estes servizos son de grande importancia para as mulleres betanceiras e mariñás e evitarían os desprazamentos á Coruña, revertendo a perda de servizos do Concello de Betanzos.
O BNG tamén solicitará a solución da problemática que afecta ao servizo de comedor do Vales Villamarín.
Betanzos, 28 de novembro de 2022.- O BNG presentará unha moción na sesión plenaria do mes de novembro para solicitar os fondos necesarios nos orzamentos da Xunta para a creación e dotación dun centro de orientación familiar e dun centro de información á muller no antigo Mosteiro das Donas.
Segundo a voceira das nacionalistas no concello, Amelia Sánchez, “estes servizos son de grande importancia en todos os aspectos da vida das mulleres, mais o CIM tórnase indispensábel no caso das mulleres que son vítimas de violencia de xénero e o COF resulta especialmente útil para as mozas que se inician na vida afectivo-sexual e que precisan asesoramento especializado no tema”.
Con esta petición, as nacionalistas pretenden dotar de contidos o Mosteiro das Donas, o edificio relixioso máis antigo da cidade betanceira, que actualmente está en proceso de rehabilitación e cuxa utilidade non aparece definida de maneira clara no proxecto de rehabilitación.
Asemade, a través desta solicitude, no BNG intentan solucionar o problema de perda de servizos que está a sufrir o concello de Betanzos e a comarca das Mariñas. Nesta liña, Sánchez indica que “a creación destes dous servizos, especialmente do COF, evitaría os desprazamentos á cidade da Coruña das mulleres e das mozas betanceiras e mariñas”.
Solucións para a problemática do servizo de comedor do Vales Villamarín
Na mesma sesión plenaria, no BNG tamén esixirán que desde o Concello de Betanzos se poña solución inmediata aos problemas de xestión e de funcionamento do servizo de comedor e de mañanceiros do CEIP Francisco Vales Villamarín.
Segundo Sánchez, “desde que se iniciou o proceso de solicitude do servizo de mañanceiros e de comedor do CEIP Francisco Vales Villamarín de Betanzos, as persoas usuarias veñen asistindo a unha serie de erros no funcionamento que non se acaban de solucionar”. Estes erros teñen a ver co pagamento dos servizos, mais tamén coa calidade do mesmo.
Para as nacionalistas, a fonte de boa parte desta problemática ten a ver co sistema de quendas do comedor, un sistema que se solucionaría coa ampliación das instalacións. En palabras de Sánchez, “o BNG de Betanzos presentou unha emenda aos orzamentos da Xunta para que destinase os fondos necesarios para a ampliación e mellora do servizo”.
No BNG recalcan que un servizo básico e fundamental para a totalidade da sociedade betanceira como este debe ofrecerse nunhas condicións impecábeis.