O BNG esixe á Xunta que tome medidas urxentes para evitar a perda do edificio modernista da Fábrica da Luz en Betanzos
Queixas denuncia ao Goberno do PP “por estar ao carón dos intereses das eléctricas e non xunto a todas e todos os galegos para protexer o patrimonio común”
Santiago de Compostela, 4 de novembro 2022.- O BNG demanda á Xunta que actúe de xeito inmediato para previr o deterioro e derrubamento do singular edificio da Fábrica da Luz de Betanzos, edificación incluída pola Xunta no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galiza en 2018.
A portavoz de Cultura, Mercedes Queixas, criticou a “desidia dun Goberno do PP que permite a desaparición deste ben cultural protexido do patrimonio cultural galego para beneficio e especulación inmobiliaria dunha empresa eléctrica”. Lembroulle á consellería de Cultura que as únicas accións para protexer o inmoble “viñeron de man do BNG, que impulsou a protección e conservación coa fin de converter o edificio nun lugar para a cidadanía como espazo sociocultural” fronte aos “intereses especulativos” da antiga Unión Fenosa, hoxe Naturgy.
Esta compañía eléctrica presentou no concello de Betanzos unha licenza para demoler a edificación, que lle foi negada. A fin deste derrubamento, criticou Queixas, é a construción dun parque de vivendas do cal Naturgy é a empresa promotora malia a zona onde se asenta a Fábrica da Luz, “ser identificada no Plan de Ordenación do Litoral como zona plenamente inundábel”, sinalou.
A parlamentaria nacionalista remarcou que, despois desta negativa ao derrube, Naturgy presentou un recurso contencioso-administrativo ao cal terá que contestar a Xunta, fronte ao que a deputada do Bloque reclamou “responsabilidade e compromiso para evitar unha perda irreparábel para o pobo de Betanzos, que pode perder un futuro espazo de encontro nun lugar exemplar”. Queixas emprazou ao PP “a tomar unha decisión que garanta a conservación deste ben patrimonial catalogado; están vostedes ao carón do pobo de Betanzos para liderar unha fronte común co seu concello ou pensan ignoralo, como levan facendo 13 anos co Parque do Pasatempo?”, preguntou.
A deputada por A Coruña esixiu á Consellería de Cultura dar resposta á súa propia normativa comezar pola rehabilitación da cuberta do inmoble e dos peches, evitando así o estado de ruína e “planificar deseguido un plan de conservación axeitado”. Propostas que se atoparon co silencio do Executivo dos Populares, que non se pronunciaron sobre ningunha acción concreta que obrigue a Naturgy a manter e conservar esta peza esencial do patrimonio betanceiro.